“Terra de mulleres, tempo de mulleres” foi o lema da campaña municipal impulsada con motivo do 8M, o Día Internacional da Muller e, desde este mércores, a imaxe da campaña vai quedar plasmada na rúa Eduardo Pondal.
O mural artístico, previsto para primeiros de marzo e atrasado por problemas de intendencia, é obra da ilustradora e artista mural Diana Rodeiro, coñecida como ‘Nana’, en colaboración coa firma Culebra Studio. Ocupará unha superficie duns 40 metros cadrados e exhibirá unha imaxe coa que se pretende subliñar o protagonismo da loita pasada e presente das mulleres, do feminismo, para alcanzar a igualdade real de dereitos, liberdades e oportunidades.
As obras de instalación dos andamios, a preparación previa do muro (situado á altura do número 3 de Eduardo Pondal) e a colocación da pintura base foron as primeiras actuacións. A edil de Igualdade, Yoya Blanco, acudiu a presenciar os primeiros avances do mural e destacou que esta obra “quedará de xeito perenne e será moi didáctica para quen pase por Eduardo Pondal camiñando ou en coche”.