Nova edición do Encontro “AS MULLERES QUE OPINAN SON PERIGOSAS”

A volta á presencialidade do foro “As mulleres que opinan son perigosas” será os días 10 e 11 de xuño no Edificio Castelao Museo de Pontevedra. 

Esta quinta edición do encontro, organizado conxuntamente pola Deputación e o Concello de Pontevedra, retransmitirase tamén en streaming e contará coa presenza de 18 mulleres xornalistas converténdose así na edición con maior número de convidadas. O público poderá intercambiar impresións con elas nun punto de encontro que se situará no hall do edificio.

O destacado elenco de relatoras do xornalismo español e galego está integrado por Mercedes Milá, Mamen Mendizábal, Ana Pardo de Vera, Paloma del Río, Joana Bonet, Margaryta Yakovenko, María Varela, Inma López Silva, Diana López, Ángeles Caballero, Marta García Aller, Fernanda Tabarés, Almudena Sánchez, Luz Sánchez Mellado, Estefanía Molina, Carolina Sertal, Marta Otero e María Piñeiro.

O programa deste ano presentouse no Salón de Plenos da Deputación nun acto no que estiveron presentes Susana Pedreira e Diana López Varela, xornalistas e promotoras deste foro, xunto coa presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

Susana Pedreira referiuse a esta nova edición de “As mulleres que opinan son perigosas” como “a edición do reencontro” tras os dous anos nos que tivo que realizarse en formato online por mor da pandemia. Este ano, relatou, “son 11 as mulleres que se suman por primeira vez á nosa familia de mulleres que opinan e 7 as que repiten. Consideramos que era necesario romper a norma de non repetir convidadas porque despois de dúas edicións online nesitabamos reencontrarnos”. Trátase de 5 xornalistas que participaron na primeira edición e que volven 4 anos e unha pandemia despois e que “levarán ao escenario” as reflexións do libro que se presentou en marzo a raíz destas conversas. Con elas unha sexta compañeira que participou online. Susana Pedreira subliñou que con este novo cartel xa son 62 as profesionais da comunicación que forman parte do foro algo que evidencia que “hai moitas mulleres en Galicia e no conxunto do estado que fan bo xornalismo”. Baixo esta premisa animou “ás persoas organizadoras de congresos e foros de opinión e xornalismo a que consulten os nosos carteis e programas para non volver a dicir que non atopan mulleres cando programan os paneis de congresos nacionais”.

Pola súa banda, Diana López invitou “á xente de Pontevedra, Galicia e de calquera sitio a vir a esta edición presencial” na que, anunciou, haberá “un punto de seguimento no hall do museo cunha pantalla para poder escoitar ás convidadas en caso de que se complete o aforo”. Este espazo servirá tamén para encontrarse coas invitadas a través da mesa da librería Cronopios, na que se poderán adquirir os seus libros, mesmo asinados.

Aconséllase inscribirse de xeito previo para que todas as persoas que desexen acudir ao foro teñan garantida a súa praza. As inscricións poden realizarse nos sitios web do Concello e de Deputación. Tódalas persoas que realicen a súa inscrición recibirán como agasallo o libro “Mulleres que opinan. Catro anos e unha pandemia”, que está a suscitar un gran interese.