Mamen Mendizábal pechará a primeira sesión do #MULLERESQUEOPINAN 2022

Mamen Mendizábal García

A xornalista e presentadora de televisión que acaba de rematar a primeira tempada do seu programa en La Sexta ‘Encuentros Inesperados’, pechará ás 19.00 horas a xornada do venres coa conferencia Un encontro moi esperado, presentada por Ángeles Caballero.

Esta sesión de tarde dará comezo ás 17.15 da man de Estefanía Molina, xornalista e politóloga que traballa en medios como El País, La Sexta, SER, TVE-24h e TV3 e que falará sobre Actualidade e análise política: éxitos, frustracións e expectativas.

De seguido contaremos coa xornalista e escritora Joana Bonet (La Vanguardia) que presentará a palestra Arte, moda, feminismo e cultura: unha escritora de revista ás 18.00 horas.

Debido a que o Teatro Principal se atopa en obras, a edición do foro trasládase este ano ao Edificio Castelao do Museo de Pontevedra. A entrada é libre e gratuíta ata completar o aforo do auditorio polo que, dada a súa limitación, recoméndase que se realice a inscrición previa na páxina habilitada. Esta inscrición permitirá obter un exemplar do libro Catro anos e unha pandemia, que a través de crónicas xornalísticas reflexiona coas protagonistas da primeira edición sobre o eco de ese evento.

‘As mulleres que opinan son perigosas’ poderá ser seguido desde a entrada do Edificio Castelao cunha gran pantalla habilitada. Neste espazo, a libraría Cronopios instalará unha mesa de venda de libros das diferentes relatoras que tamén asinarán exemplares dos mesmos.