Orgullo e Memoria centrarán o 28 xuño, Día Internacional do Orgullo

A visibilización da memoria da loita do colectivo LGBTIQA e lembrar que ningunha conquista de dereitos é irreversible son as principais reivindicacións que centran o programa de actividades deseñado pola Concellería de Igualdade de Pontevedra xunto coa asociación Avante LGBT+ co gallo do 28 xuño, Día Internacional  do Orgullo.

Entre os actos festivos, culturais e conmemorativos incluiranse unha variada oferta de faladoiros e contacontos, a Mostra Internacional de Cinema ‘Ambienta’ e, o sábado 2 de xullo, unha Festa do Orgullo no parque do río dos Gafos e unha manifestación que saíra da praza do Hospital Provincial.

O programa de actividades principiará este martes 21 ás 12:30 horas coa presentación da instalación artística ‘Memoria LGBTIQA’ no balcón da Casa da Luz. Un ano máis despregaremos a bandeira LGBT coas palabras Orgullo e Memoria ben visibles para lembrar a historia da loita do colectivo, que non podemos dar nin un paso atrás xa que, evocando as verbas da poetisa portuguesa Ana Luísa Amaral, ningunha conquista é irreversible.

Festa do Orgullo o 2 de xullo, con sesións vermú, tarde e noite

Seguindo a liña de mesturar reivindicación, cultura e festa característica do Programa municipal de diversidade sexual Pinto e Maragota, teremos unha Festa do Orgullo que se celebrará no parque dos Gafos o sábado 2 de xullo e que dará comezo ás 13:30 horas cunha sesión vermú amenizada pola música de ‘Llegamos tarde’ DJ’s”.

A continuación, ás 14:30 horas, teremos un Xantar Colorido, no que haberá posto de venda de comida e bebida para quen non leve a comida da casa e a partir das 16:00 horas, empezará a sesión Tardeo co espectáculo de Ariezzz DJ e Meiga-i, ‘A Drag Pandereteira’, un obradoiro drag con Chex Nova e un taller ‘Pinta e Colorea’, no que poderán elaborarse as pancartas para a manifestación. A festa continuará en sesión de noite, entre as 21:30 e a 1:00, con actuacións de ‘Llegamos tarde’ DJ’s e Ariezzz DJ e un concerto de Bratzantifa.

A manifestación reivindicativa sairá ás 20:00 horas da praza do Hospital Provincial e levará por lema “Reivindicando a nosa memoria”

Amais, desenvolverase entre os días 27 de xuño e 1 xullo unha intensa programación cultural do Orgullo Pontevedra 2022 a cargo da asociación Avante LGBT+, con actibidades para público infantil e adulto,como os pases incluídos dentro da Mostra Internacional de Cinema LGBTIQA+ de Pontevedra ‘Ambienta’; o taller Contos de Cores (actividade infantil de 4 a 10 anos, luns 27 ás 19:00 horas na Librería Seijas con Alba Blanco); un Club de Lectura (martes 28 ás 18:30 horas na Librería Paz) e presentación do libro ‘A defunción dos sexos: Disidentes sexuais na Galiza contemporánea; un encontro coa actriz, política socialista e activista trans Carla Antonelli (mércores 29 ás 20:00 horas na Praza da Pedreira); un Contacontos Diverso (Bar La Hormiga xoves 30 ás 18:00 horas a cargo de Mun Mintaka); unha palestra arredor da realidade trans (Banco Trans dos Xardíns de Vincenti, xoves 30 ás 20:00 horas con Brais Papiri, Alicia Arruti e Nee Barros), e un faladoiro titulado ‘Saúde sexual. Desmontando mitos’ con Hadrián Pernas, o venres 1 de xullo ás 20:00 horas no Gastroespazo do Mercado de Abastos.