Presentación da instalación ‘Memoria LGBTIQA’ na Casa da Luz

Coa presentación oficial da intervención artística Memoria LGBTIQA no balcón da Casa da Luz foi inaugurado esta mañá o programa de actividades deseñado pola Concellería de Igualdade en colaboración coa asociación Avante LGBT+ co gallo do 28 de xuño, Día Internacional do Orgullo. No acto participaron as concelleiras Yoya Blanco e Eva Villaverde, os concelleiros Iván Puentes, Marcos Rey, Alberto Oubiña e Guillermo Juncal, e varios persoas do colectivo.

A instalación artística representa unha bandeira LGBT na que, ademais das cores do arco da vella, teñen protagonismo as palabras Orgullo e Memoria como un xeito de rendir tributo e reflexionar sobre a historia da loita do colectivo. Con esta mensaxe didáctica (baixo cada letra da instalación aparece algún capítulo histórico) téntase que a sociedade siga aprendendo sobre historia LGBT e incidir en que “a conquista de dereitos non é irreversible e hai que seguir loitando polos dereitos acadados día a día” segundo palabras da concelleira de Igualdade, Yoya Blanco.

Deste xeito, o Orgullo pontevedrés pretende rememorar, tamén a través da distribución de carteles e flyers, certos fitos históricos que marcaron o difícil camiño a prol da diversidade e a igualdade: 1901, primeira voda entre dúas mulleres co casamento de Elisa e Marcela na Coruña; 1969, inicio da loita organizada polos dereitos LGBT e revolta de Stonewall en Nova York; 1977, primeiro colectivo LGBT organizado en Galicia, a Fronte Galega de Liberación Homosexual; 1978, eliminación dos artigos que perseguían a homosexualidade dentro da ‘Ley de peligrosidad y rehabilitación social’; 1981, primeira Manifestación Galega do Orgullo; 1982, primeira Comisión de Lesbianas no Movemento Feminista organizado, a Asociación Galega da Muller (AGM); 1990, eliminación da homosexualidade da lista de Enfermidades Mentais por parte da Organización Mundial da Saúde (OMS); 1999, primeiro debate sobre a realidade trans no Parlamento Galego; 2005, aprobación do matrimonio igualitario en España (o terceiro país a nivel mundial); 2015, primeira persoa menor de idade que acada o cambio rexistral de identidade en Galicia…

Hadrián Pernas, representante de Avante LGBT+, afirmou que o ‘leit motiv’ deste ano é “reivindicar a memoria de todo o colectivo, de todas esas persoas que durante os anos do Franquismo e a posteriori tiveron que enfrontarse a un estigma e estiveron perseguidas e penadas polos propios gobernos”. Tal e como apuntou, “a reivindicación do Orgullo non pode diluírse só na festa”. “A festa é importante -matizou Pernas-, porque somos un colectivo que sempre estivo moi ligado a festa e é parte da nosa forma de ser, pero non podemos abandonar as nosas reivindicacións, tendo en conta o que aconteceu o ano pasado co asasinato de Samuel, as constantes agresións a persoas trans e as políticas en contra do colectivo LGBT que xurden de partidos de extrema dereita en toda Europa. Temos que afianzar esas reivindicacións e achegar á sociedade cara a elas”.

Programa de actividades polo Día do Orgullo 2022