Os xardíns da Praza de España celebran o Día do Orgullo

A iniciativa Xardíns que Falan, da Concellería de Desenvolvemento Sostible, súmase ás accións reivindicativas deseñadas co gallo do Día Internacional do Orgullo cunha intalación artística nos xardíns da Praza España protagonizada por un enorme arco da vella e un arranxo floral, convertendo o espazo nun enorme photocall a prol da diversidade.

A instalación foi presentada o pasado 22 de xuño polo propio concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes e maila concelleira de Igualdade, Yoya Blanco. Segundo explicou o edil “queremos facer a nosa contribución a todo ese traballo que o Concello de Pontevedra fai, non só durante unha semana, senón os 365 días do ano, a prol da igualdade efectiva de tódolos veciños e veciñas, independentemente da súa orientación sexual e da súa identidade”.