Presentación do Programa Empregadas

A Concellería de Igualdade impulsa un servizo de asesoramento e orientación laboral gratuíto para mulleres desempregadas de Pontevedra.

O programa Empregadas, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e destinado a mulleres desempregadas residentes no concello de Pontevedra, configúrase como unha asesoría laboral no que se ofrecerá orientación, contacto con ofertas de emprego e recomendacións para poñer en marcha negocios propios.

A iniciativa foi presentada o pasado venres 30 de setembro no recentemente remodelado edificio do Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra pola concelleira de Igualdade, Promoción Económica e Emprego, Yoya Blanco, acompañada pola traballadora social Diana Vila, que desenvolve a atención directa do servizo de asesoramento e orientación; a coordinadora do proxecto, Raquel González; a directora do CIM, Rosa Campos, e a axente de Igualdade Mercedes Renda.

Empregadas ofrece entrevistas individualizadas para o estudo de cada perfil profesional, coa creación dun itinerario personalizado de inserción; información, orientación e asesoramento laboral individualizado; formación ocupacional a través de obradoiros e faladoiros específicos; asesoramento, titorización e formación específica para o autoemprego, e sesións grupais para traballar habilidades básicas e mellorar a empregabilidade, xerando e consolidando redes de autoaxuda e colaboración entre as mulleres do grupo.
A iniciativa púxose en marcha no pasado mes de agosto e, ata a data, xa foron cinco as mulleres que se beneficiaron deste servizo de orientación e asesoramento. Tal e como subliñou a concelleira de Igualdade, “o edificio de Santa Clara remodelouse precisamente para facer proxectos como este de Empregadas”, ao contar no 1º andar cunha sala común idónea para as sesións grupais e os obradoiros”. “Todo isto entronca cos obxectivos da área de Emprego, desde a que estamos a realizar un esforzo en materia de inserción laboral, con formación en diversas empresas da cidade, e neste caso, especificamente para mulleres”, apuntou a edil do PSOE. 

A programación de Empregadas contempla obradoiros para a Creación de Empresas e Autoemprego, Técnicas para Mellorar e Adquirir Autoestima, Alfabetización Dixital e Ferramentas Google, así como faladoiros de Empregabilidade, Xénero e Empoderamento, Fomento do Espírito Emprendedor e Aposta polo Traballo Cooperativo e formación ocupacional/práctica en Xestión e Venta no Comercio Electrónico, Facturación Electrónica e Márketing Online.

Todas aquelas mulleres interesadas en beneficiarse deste servizo poden informarse a través do correo electrónico empregadas@pontevedra.eu, o teléfono 621 18 00 30 ou ben en persoa no CIM, de luns a venres en horario de 9:30 a 12:30 horas.