15 de outubro: Día Internacional da Muller Rural

O 18 de decembro de 2007, a Asemblea Xeral da Organización de Nacións Unidas estableceu o día 15 de outubro como o Día Internacional das Mulleres Rurais co obxectivo de recoñecer á muller rural pola súa contribución no desenvolvemento rural e agrícola, a erradicación da pobreza e a mellora na seguridade alimentaria.

Este ano Nacións Unidas estableceu como tema para este Día Internacional «As mulleres rurais enfróntanse ao incremento mundial do custe da vida«, co que se ten en conta que a actual situación representa “un golpe aos mercados alimentario e enerxético que non fai senón intensificar as disparidades de xénero, provocando taxas de inseguridade alimentaria, desnutrición e pobreza enerxética”. Unha crise do custe de vida que ameaza a subsistencia, a saúde e o benestar das mulleres, especialmente as rurais.

Segundo cifras da ONU, as mulleres rurais conforman un 43% da man de obra agrícola, e no seu traballo diario de labrar a terra e plantar sementes están a contribuír a asegurar a alimentación das súas comunidades, así como a de proporcionar alimentos a nacións enteiras.