Nova edición do Obradoiro Namórate de ti

Tralo éxito das convocatorias anteriores a Concellería de Igualdade pon en marcha unha nova edición do programa Namórate de Ti, un obradoiro de autoestima e empoderamento dirixido a mulleres que ten por obxectivo que todas as participantes aprendan a quererse e valorarse utilizando a imaxe e a fotografía como ferramenta.

Este taller gratuíto terá lugar no primeiro andar do edificio do CIM os días 26 e 27 de outubro e 2 e 3 de novembro en horario de 10:00 a 13:00. As interesadas en participar poden inscribirse a partir do 21 de outubro no teléfono do CIM 986 864 825 ou enviando un correo electrónico cos seus datos a igualdade@pontevedra.eu.

Dirixido principalmente a mulleres en situación de vulnerabilidade (desempregadas ou inactivas, víctimas de violencia de xénero ou en perigo de exclusión social, con responsabilidades familiares non compartidas, con discapacidade, etc.), ao longo de catro xornadas as orientadoras Tegra Gómez e Patricia Maquieira guiarán ás participantes para reforzar a súa autoestima e o autoconcepto que teñen de si mesmas ao tempo que fomentarán a súa unión social e a cooperación grupal, a través da expresión corporal, verbal e escrita, incluíndo dinámicas de grupo, vídeos motivacionais e sesións fotográficas da posta en escena das mulleres.

O obradoiro Namórate de Ti terá o seu colofón, como en edicións anteriores, cunha exposición fotográfica en diversos comercios de Pontevedra a partir do 21 de novembro.

OBRADOIRO NAMÓRATE DE TI. 26, 27 de outubro, 2 e 3 de novembro, na 1ª planta do CIM.