A activista salvadoreña Bea Salazar denunciou a anulación dos dereitos ás mulleres no seu país.
A Concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, recibiu onte no Concello a Bea Salazar, activista feminista defensora dos dereitos fundamentais en xeral e, en especial, dos das mulleres. A visita da salvadoreña enmárcase no proxecto Defensoras de Dereitos V Edición, organizado pola Coordinadora Galega de ONGD e a Deputación, que se está a desenvolver por diferentes municipios da provincia para dar a coñecer o traballo e a loita que leva a cabo Salazar no seu país e para fomentar a reflexión e o espírito crítico sobre a situación de persecución que sofren as persoas defensoras de dereitos no mundo. Participa en procesos de recollida de información en casos de asasinatos machistas e violencia contra as mulleres e tamén traballa na defensa do dereito ao aborto.
Durante a reunión mantida no Concello na que participaron tamén representantes da Coordinadora Galega de ONGD e a axente de igualdade do CIM, a activista explicou a grave situación que se está a vivir no seu país en canto aos niveis extremos de violencia de xénero que padecen as mulleres, unha situación agravada por unha cultura de impunidade cara os agresores. As violacións de dereitos sexuais e reprodutivos son un síntoma desta violencia estrutural, estando o aborto penalizado en tódalas súas modalidades.
Actualmente no Salvador, ter unha complicación obstétrica que derive nun aborto pode supoñer prisión. Segundo os datos que sinala a Iniciativa Mesoamericana de Mulleres Defensoras de Dereitos Humanos entre 1998 e 2019, “181 mulleres foron denunciadas e procesadas por aborto ou por emerxencias obstétricas que provocaron morte ou risco de morte aos fetos”.