No marco das actividades organizadas pola Concellería de Igualdade e o CIM de Pontevedra ao redor do 25 de novembro, Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres, destaca unha nova edición do Obradoiro de Autodefensa para mulleres ante situacións violentas, que se celebrará o próximo sábado 19 de novembro na Sala Almofrei da Casa Azul. É un curso de 8 horas de duración, de 10 a 14 e de 16 a 20 horas.
Esta actividade, que xa se fixo en anos anteriores con moi bos resultados e unha alta valoración entre as participantes, está monitorada por por Manuel Herbón Arias, especialista en Defensa Persoal Feminina e instructor de Forzas e Corpos de Seguridade.
Este obradoiro está deseñado como forma integral de empoderamento ante situacións de risco, comprendendo un conxunto de coñecementos, actitudes, pautas e técnicas físicas que permitan prever, avaliar e actuar ante situacións de ameazas, riscos ou agresións.
Actividade de balde aberta a mulleres maiores de 16 anos. Inscricións na plataforma apuntate.pontevedra.gal ou a través do mail igualdade@pontevedra.eu