Cinefórum do documental ‘ONDE MAIS DOE’ no Teatro Principal

O próximo mércores 16 de novembro ás 20.00 horas terá lugar no Teatro Principal de Pontevedra un dos actos centrais da campaña deseñada pola Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller polo Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres.

Trátase do Cinefórum sobre o documental ‘ONDE MAIS DOE’, de Xamalú Filmes con Guión e Dirección de Manane Rodríguez, un achegamento a unha das pólas da violencia machista, a violencia vicaria, a partir dun suceso real ocorrido no Día da Nai de 2017.

Posteriormente haberá un coloquio coa directora, Manane Rodríguez, e a xornalista Montse Fajardo. Entrada libre ata completar aforo.

Sinopse: Tras ameazar á súa ex-parella durante anos, Marcos M. mata ao seu fillo de 11 anos con golpes de pá. Un ano máis tarde, un xurado popular condénao por asasinato e determina que o crime contra o neno non buscaba nada máis que castigar á nai. No feito no que está baseada a película concorren violencia, acoso, o asasinato dun neno para prexudicar á nai e a ameaza de morte que aínda pendura sobre a muller. ONDE MÁIS DOE é unha película sobre a violencia de xénero que pretende estar nas antípodas do tratamento sensacionalista co que adoitan tratarse estes dramas.

Esta película estreouse en marzo de 2022 nunha sesión especial na sección de documentais do Festival de Málaga.