A Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra presentaron este luns a campaña gráfica Depende de ti, depende de nós, impulsada polo ente municipal con motivo do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
Unha composición que amosa rostros de homes de diferentes xeracións deseñada pola fotógrafa Beatriz Císcar é a imaxe que este ano protagoniza a campaña gráfica, que busca interpelar directamente aos homes apelando á súa responsabilidade e implicación para acabar coas violencias machistas e os convida a reflexionar sobre a súa obriga moral de loitar contra o acoso, a humillación, o control, a violación…
“Coa técnica do collage, pretendemos recrear a cara dun home, afastándonos de calquera estereotipo clásico e despersonalizándoo, no sentido de que calquera home, con independencia da súa idade, clase, estilo… pode exercer a violencia machista, pero tamén pode parala, xa sexa denunciando ou evitando unha pelexa, comentario, insultos ou micromachismos”, explicou Císcar na presentación, que tivo lugar no balcón da Casa da Luz, cunha gran pancarta.
“É unha campaña contundente, directa e reflexiva. Non podemos ser cómplices da violencia machista e pretendemos sinalar non só ao home que maltrata como culpable, senón tamén ao resto da poboación. A responsabilidade de parala antes de que se converta en algo irreversible é de todos». Deste xeito expresou a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, o principal obxectivo desta iniciativa gráfica tras un acto de despregue da campaña no que tamén participaron a propia Bea Císcar; os concelleiros Carme Fouces, Alberto Oubiña e Silvia Junco; a directora do CIM, Rosa Campos, e a axente de Igualdade Mercedes Renda.
A directora do CIM subliñou que «todo o que ten que ver coa violencia machista sempre recae en nós, as mulleres, cando a sufrimos, pero non somos nós as que a perpetramos, e por ese motivo é importante sensibilizar aos homes, que non son maltratadores a maioría deles, para que rexeiten dalgún xeito esa violencia activamente e non só de portas para dentro». É por iso que a mensaxe da campaña é «pedirlle a toda a sociedade, pero fundamentalmente aos homes, que non lles dean cobertura aos maltratadores»
A campaña, que se puxo en marcha co despregue dunha pancarta de PVC no balcón da Casa da Luz, inclúe a distribución de 1.500 bolsas ‘tote bag’, a instalación de cartelóns en 35 mupis situados por toda a cidade e o reparto de 200 carteis por edificios institucionais, institutos, facultades universitarias e centros sociais das parroquias.