O vindeiro mércores 23 de novembro pecharemos o ciclo de Faladoiros Feministas da campaña do 25-N deste ano por todo o alto.
Baixo o título “Pornografía e prostitución: escola da violencia sexual” falaremos sobre a mercantilización e a explotación sexual como violencia extrema contra as mulleres coas expertas Lorena Añón Loureiro e Liliana Freijeiro Rial. Modera a xornalista Diana López Varela.
Na Casa das Campás de 19.00 a 20.30h. Entrada libre ata completar aforo (recoméndase reserva) e emitirase en directo a través do YouTube do Concello de Pontevedra.
Lorena Añón Loureiro é profesora universitaria e investigadora en traballo social na Escola Universitaria de Traballo Social de Santiago de Compostela. As súas áreas de especialidade son os estudos feministas, a migración, a inclusión social, a ética do traballo social e a prostitución e a trata con fins de explotación sexual. Ten múltiples publicacións académicas nestas materias entre as que destacan ‘Relaciones y apoyo sociofamiliar de mujeres supervivientes de la prostitución’, ‘Experiencias de (de)construcción del género: educación primaria y superior no universitaria‘, ‘Narrativas y redes de apoyo social de mujeres supervivientes del sistema prostitucional: de las ausencias a las emergencias desde el feminismo y la interseccionalidad‘, ‘Mapas corporales narrados para re-visitar dónde empieza la (des)igualdad. Experiencias con estudiantes universitar@s‘ e ‘El imaginario de los prostituidores: “la burbuja del coño”. Análisis crítico de foros de internet en España y Reino Unido’.
Liliana Freijeiro Rial é psicóloga especialista en violencia de xénero e malos tratos e coordinadora da asociación FARAXA pola abolición da prostitución. Anteriormente traballou na asociación Grupo de Estudios Sobre a Condición da Muller Alecrín.
Faraxa é unha asociación sen ánimo de lucro que ofrece apoio e atención especializada a persoas en situación de prostitución, trata de seres humanos e violencia de xénero. O Centro de Atención da Asociación FARAXA constitúe un espazo de reunión e consulta para as persoas en situación de prostitución onde se lles ofrece asesoramento e orientación sanitaria, social, xurídica e laboral así como atención psicolóxica ás persoas en prostitución que o demanden. Contan cunha unidade móbil coa que visitan e realizan intervención social nos diferentes ámbitos onde se exerce esta actividade: rúas, pisos e clubes de alterne en Galicia, Castela e León e Asturias.