A entrega dos premios Ernestina Otero Sestelo foi unha festa

Os centros pontevedreses CEIP San Martiño de Salcedo, CPR Sagrado Corazón de Placeres e IES Sanchez Cantón foron os gañadores dos premios Ernestina Otero Sestelo 2022, que recoñecen os proxectos innovadores e relevantes que supoñan un exemplo de boas prácticas e modelo para futuras iniciativas educativas en materia de igualdade de oportunidades.

Os condecorados recibiron o seu recoñecemento o xoves 17 de novembro nun acto celebrado no Teatro Principal de Pontevedra no que a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, quixo animar a “seguir traballando pola igualdade de mulleres e homes no día a día dos centros de ensino do noso concello”. Tamén quixo que estes premios e este acto sirvan para para honrar a memoria de Ernestina Otero Sestelo e que “o seu nome e o seu legado permaneza vivo e non se borre na historia”.

Don Manuel Puga Pereira, neto e tamén biógrafo da propia Ernestina Otero Sestelo, ademais de presidente da Fundación Penzol, foi o encargado de agasallar ao CEIP San Martiño de Salcedo co seu primeiro posto na categoría de Educación Infantil e Primaria. Un posto co que se fixeron grazas ao seu proxecto Unha mirada violeta, que buscou aplicar unha perspectiva de traballo pola igualdade en todos os seus cursos de Educación Infantil e Primaria, a través de ferramentas como contos, cancións ou noticias.

O segundo premio, foi para o proxecto Patios activos para educación infantil e primaria do CPR Sagrado Corazón de Placeres por facer unha análise dos recreos e da ocupación dos espazos, “traballando pola participación e inclusión por igual de nenas e nenos en todos os xogos” e “apostar polos patios inclusivos”. Fixo entrega do premio Melisa Orbán Fernández, axente na unidade de violencia de xénero da Policía Local de Pontevedra.

No tocante á categoría de Educación Secundaria e postobrigatoria non universitaria, o primeiro premio foi a parar ás mans do IES Sánchez Cantón grazas ao proxecto Na súa memoria, na nosa memoria, pola implicación transversal de todos os departamentos co obxectivo de visibilizar a memoria das mulleres, con especial atención a todas aquelas represaliadas e silenciadas durante a Guerra Civil e na posguerra. A divulgación pública na web de todas as actividades realizadas no ámbito da igualdade foi, ademais, outro dos grandes puntos a ter en conta na consecución do premio por parte do centro escolar. Entregou este premio Dona Manuela Vilaboy Romero, xefa da Unidade Contra a Violencia sobre a Muller da Subdelegación do Goberno en Pontevedra.

É importante subliñar un detalle significativo: o segundo premio desta categoría foi declarado deserto, polo que a contía do primeiro premio foi incrementada ata chegar a un total de 1.400 euros.

O acto incluíu unha pequena proxección dun resumo en vídeo dos proxectos gañadores e unha divertida actuación final de Tareixa Alonso, de Pavís Pavos

Enlace á FOTOGALERÍA na Prensa