Coincidindo coa semana do 25N, Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a Asociación de Amigos da Pontevedrada (Asampo) volverá reeditar este domingo 27 de novembro o Camiño Violeta, un roteiro urbano adaptado cunha contundente mensaxe reivindicativa: o itinerario estará sinalizado por 39 frechas de cor violeta cos nomes das 38 mulleres e da nena de 6 anos asasinadas no que vai de ano en España a mans do terrorismo machista.
A andaina partirá ás 11:00 horas da Praza de España, estará aberta a todas aquelas persoas que desexen participar e discorrerá por un circuíto adaptado, percorrendo unha distancia dun kilómetro e 700 metros por diversas rúas e prazas do centro da cidade.
En concreto, o Camiño Violeta pasará polos seguintes espazos: Michelena, Fernández Villaverde, Soportais, Praza da Ferrería, Paseo de Antonio Odriozola, Laranxo, Praza da Leña, Padre Sarmiento, Gregorio Fernández, Praza da Pedreira, César Boente, Serra, Celso García de la Riega, Rúa da Ponte, San Telmo, Praza do Peirao, Galera, Arcebispo Malvar e regreso á Praza de España.
Ao remate do roteiro, farase lectura do Manifesto contra a Violencia de Xénero, na voz de Matilde Pache Pérez-Mirás, estudante do IES Sánchez Cantón de 16 anos, e pedirase un minuto de aplausos en lembranza de tódalas vítimas do machismo.
O luns 28 de novembro un grupo de 50 alumnos e alumnas dos IES Sánchez Cantón, A Xunqueira I e Luis Seoane uniranse tamén ao Camiño Violeta saíndo da Praza de España ás 10:00 horas e recollendo as frechas que sinalizarán o itinerario e que foron confeccionadas nestes días polos membros de Asampo no seu taller da Casa Azul.