Manifesto institucional do Concello de Pontevedra polo 25 de novembro, Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres

Un ano máis chegamos ao 25 de novembro e institucións, medios de comunicación e a propia cidadanía pousan a súa ollada sobre a violencia machista.

A loita das mulleres convértese nun días, por unhas horas, no centro de atención, pero neste 2022, a través deste manifesto e da campaña pontevedresa, queremos pedir que, desta volta, o foco deixe de apuntarnos para dirixirse a quen verdadeiramente ten nas súas mans rematar coa violencia machista: os homes. Os homes que a exercen, os que a alentan co seu discurso negacionista, os que a desculpan, os que miran cara a outro lado. Pero tamén os que pensades coma nós, porque nas vosas mans e no voso exemplo reside a posibilidade de ofrecerlles ás novas xeracións un modelo distinto de masculinidade.

Falta fai. O último estudo do Centro Reina Sofía sobre adolescencia e xuventude recolle que cada vez é maior a porcentaxe de xente moza que nega a violencia machista ou lle resta importancia. Que a considera un invento ideolóxico. Crece tamén o número de rapazas que cren que é algo habitual nunha relación de parella, e o de rapaces que a consideran inevitábel. E o que é peor, duplícanse as cifras de quen entende que sendo de baixa intensidade non é problema para seguir con esa persoa.

Unha de cada dúas mozas foi testemuña algunha vez dunha relación de control: parellas que revisan o teléfono, que marcan con quen se pode ou non falar, que insultan ou que intentan illar do resto de amizades.

Son moi malas cifras vindo da xeración con máis alta porcentaxe de adolescentes, de ambos sexos, que se recoñecen feministas. E tampouco estamos as persoas adultas para darlles leccións. Que estamos a facer nós para atallar o problema, para evitar cederlles tan atroz legado? Sobre todo, que estades facendo vós, homes adultos? Ou é que ides cargarnos tamén coa responsabilidade absoluta da erradicación da violencia machista, para acabar de sobrecargar o peso que xa soportamos con tanto teito de cristal, tanta diferenza salarial, e tanto desequilibrio na asunción dos coidados?

É hora de que traballedes en serio na erradicación da violencia. É hora de que vos involucredes masivamente na loita feminista, en lugar de permitir que queiran colocarvos como vítimas dos nosos avances. Os homes, as vítimas? En serio?

Somos conscientes de que non se pode xeneralizar e é por iso mesmo que vos facemos este chamamento tan claro. Vós que nos escoitades, que vos importa a nosa loita, facede o favor de revisar con obxectividade o voso comportamento, deixade de facervos os ofendidos e intentade, de vez, deconstruír tanta masculinidade tóxica. Deixade de rirlles os chistes aos machistas que vos rodean. Deixade de poñer escusas e de aturar tanta desigualdade, no ámbito público e no privado, porque ese é o cerne que alimenta a quen nos xulga, a quen nos menospreza, a quen nos forza, a quen nos agride. Non caledes cando se nos acusa de aturar outras violencias por poñer o foco nesta. Ou non ten pena por quen morre de leucemia quen loita contra o cancro de mama?

Todos os males son un problema global da sociedade. Tamén este. E temos que seguir puxando para atallalo, homes e mulleres… Homes e mulleres! Xa está ben de cargar soas coa mochila. Levamos séculos aturando unha violencia que nace desa radical desigualdade que chamamos patriarcado. Esa que nos obriga a facer malabares para ser nais, esposas, traballadoras exemplares, amantes solícitas e agora tamén, loitadoras feministas a tempo completo, salvadoras do mundo que cohabitamos. En serio que nos ides deixar soas tamén con isto? Espabilade, acordade, poñédevos as pilas, cada un de vós en cada espazo, con cada compañeira, coas amizades, na casa, no bar ou no traballo. Fronte a quen nos nega, construíde unha masculinidade aliada do noso feminismo, unha masculinidade que nos permita afrouxar, abrir o puño no que aferramos as chaves de noite, camiño á casa. Unha masculinidade que lle abra a porta a ese futuro que a mocidade nos vén demandando. Un futuro no que a loita feminista deixe de ser unha absoluta prioridade. Nós xogamos a vida niso, pero estamos convencidas de que tamén será bo para vós, e para quen vén detrás, mirándose no voso espello.

Moitas grazas