Nova edición do obradoiro de Autodefensa para mulleres

Debido ao elevado número de inscricións do último curso de autodefensa para mulleres ante situacións violentas celebrado en novembro, a Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller de Pontevedra organizan unha nova edición desta actividade para o próximo sábado 14 de xaneiro de 2023.

Este curso de autodefensa, deseñado como forma integral de empoderamento ante situacións de risco, volverá a ter lugar na Sala Almofrei da Casa Azul en horario partido de 10 a 14 e, despois dun descanso para xantar, de 16 a 20 horas.

Monitorado por Manuel Herbón Arias, especialista en Defensa Persoal Feminina e membro do Corpo Nacional de Policía e instructor de Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, o curso comprende un conxunto de coñecementos, actitudes, pautas e técnicas físicas que permitan prever, avaliar e actuar ante situacións de ameazas, riscos ou agresións, achegándolle ás participantes un compendio de conciencia, confianza, seguridade e técnica.

Actividade de balde aberta a mulleres maiores de 16 anos. Inscricións na plataforma apuntate.pontevedra.gal ou a través do mail igualdade@pontevedra.eu