Baixo o lema ‘Mulleres adiante!’, a Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM) de Pontevedra deseñaron un ano máis un intenso e variado programa de actividades para conmemorar o 8 de marzo, Día Internacional da Muller, amosando o avance imparable a loita por acadar unha igualdade real de dereitos e oportunidades.
A programación foi presentada o xoves 2 de marzo pola concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, acompañada por Sara Docampo, autora da campaña gráfica deste ano, e Mercedes Renda, axente do Centro de Investigación da Muller (CIM), e arranca o martes 7 de marzo ás 11:30 horas no Concello coa lectura do manifesto a cargo da xornalista Natalia Puga, á que se lle encargou este ano a súa redacción, e o despregue dunha intensa campaña gráfica, que abrangue a instalación dunha pancarta no balcón da Casa da Luz (o mesmo martes 7, ás 11:50 horas), a distribución de carteis por mupis e por diversos puntos do centro urbano e das parroquias e o reparto de paraugas conmemorativos a través do CIM.
A pontevedresa Sara Docampo, deseñadora gráfica graduada pola Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde de Ourense, foi este ano a artista elexida para deseñar toda a campaña gráfica que acompañará o desenvolvemento das propostas. “Fíxome moita ilusión realizar este traballo para a miña cidade”, sinalou Docampo. “O que quixen representar é que o feminismo pode mover o mundo e que neste 8M as mulleres teñen que saír á rúa para seguir loitando pola igualdade”.
Do conxunto da programación, Yoya Blanco comezou destacando os faladoiros feministas que se celebrarán na sede do CIM os días 22 e 29 de marzo (19.00 horas, entrada libre). O primeiro estará dedicado a analizar a Lei de Liberdade Sexual (coñecida como a do só si é si) e contará coa participación da xuíza Belén Rubido de la Torre, a traballadora social da Oficina de Atención e Asistencia ás Vítimas do Xulgado de Vigo Dori Varas Noguerol e a voceira da Asociación da Rede de Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo Rosa Fontaíña. Moderará a xornalista María Varela.
O segundo faladoiro será de carácter literario e estará protagonizado polas escritoras Ana Cabaleiro e Lorena Conde. Reflexionarán sobre a perspectiva feminista na literatura actual e estará moderado por outra xornalista de Diario de Pontevedra, Chus Gómez Dorrego. Tanto este coloquio como o anterior poderán seguirse por streaming.
Ao longo das vindeiras semanas tamén se porá en marcha o programa de actividades destinadas a mulleres das parroquias do rural ‘Somos Quen 2023’ que contará con tres grandes bloques: ‘Actualízate’, ‘Creatividade’, e ‘Saúde e benestar’. O prazo de solicitudes para as asociacións interesadas estará aberto ata o 10 de marzo.
Ata o 16 de marzo tamén está aberto o programa de inscrición no programa de empoderamento feminino Xuntas, dirixido especialmente a mulleres en situación de vulnerabilidade, coas que se traballa na adquisición de habilidades de mellora da autoestima, dende risoterapia a teatro e baile.
Desde finais de marzo e ao longo do mes de abril volverán aos centros de Educación Infantil e Primaria de Pontevedra, tralo éxito da convocatoria do ano pasado, os contacontos ‘Na túa man. Contos para a Igualdade’, da man de Raquel Queizás. E para o alumnado de 3º e 4º da ESO do concello de Pontevedra xa está en marcha o Concurso Tik Tok pola Igualdade, para a visibilización, prevención e a denuncia da violencia de xénero. “O obxectivo desta acción -explicou Yoya Blanco- é impulsar a reflexión e a conciencia crítica do alumnado, ao mesmo tempo que desenvolven a súa creatividade. Inclúe a realización de palestras informativas presenciais nos centros educativos interesados (de momento xa están participando sete centros), xuntando os grupos de cada nivel, nos que tamén se convida ao profesorado. As bases deste concurso faranse públicas esta semana, e o prazo para presentar vídeos estará aberto ata finais de abril”.
Asemade, neste mes de marzo, procederase á distribución, nos centros educativos de Secundaria e Formación Profesional Básicas, así como nas bibliotecas do concello, do manual sobre educación sexual ‘Sexo? Boa idea!’, elaborado por Llerena Perozo e o equipo do CIM de Pontevedra con ilustracións de Sonia García Vidal. “Con esta publicación -apuntou a concelleira de Igualdade- pretendemos dar resposta a unha necesidade posta en evidencia o ano pasado: a carencia dunha correcta educación sexual, sa e respectuosa e a súa importancia á hora de facer fronte á violencia sexual. Malia que estamos ante un asunto que afecta a persoas de tódalas idades, debemos prestar especial atención á infancia e á adolescencia. Lembremos que a idade media de acceso a un teléfono móbil de uso persoal, con conexión ininterrompida, está nos oito anos. Nas páxinas desta guía, útil tanto para a mocidade como para persoas adultas, achegamos nocións para axudar a clarexar e previr o uso das redes neste sentido”.
A campaña deseñada polo 8M tamén traerá consigo unha nova edición do proxecto ‘Mulleres da Vila’, que será inaugurado o vindeiro mércores 8 de marzo por Yoya Blanco en colaboración coa fotógrafa Patricia Maquieira, co que se pretende visibilizar e homenaxear o traballo das mulleres do barrio da Parda a través dunha exposición fotográfica en 15 establecementos poñendo así en valor a coraxe, vontade, carisma e entrega que fixeron posible o seu éxito profesional e persoal.
Outra das novidades será a celebración da primeira edición da feira de alimentación e artesanía feminina galega ‘ProdutorAs, en Feminino’. O evento terá lugar na Praza de España entre os días 10 e 12 de marzo e contará con 30 expositores de mulleres emprendedoras do sector alimentario e artesanal galego. Os stands permanecerán abertos ao público o venres, sábado e domingo en horario de 11:00 a 21:00 horas.