Manifesto institucional do Concello de Pontevedra polo 8 de marzo, Día Internacional da Muller 2023

Manifesto institucional polo 8 de marzo, Día Internacional da Muller 2023

MULLERES ADIANTE!

Este manifesto é todo un reto persoal. Supón afrontar medos e a famosa síndrome da impostora que todas as mulleres vivimos dunha ou doutra maneira ao longo da nosa vida. A miña primeira reacción foi dicir que non. Por vergoña. Por inseguridade. Por esas barreiras coas que nos ensina a medrar a sociedade patriarcal. Por fortuna, rodéanme mulleres fortes e valentes que me axudaron a dar o paso. Porque só nós podemos dar este paso. Para facelo, temos a sorte de contar as unhas coas outras. E é hora de que deixemos atrás as limitacións autoimpostas, e as que nos segue a impoñer a sociedade, de que a invisibilidade e o silencio aos que estamos afeitas queden no pasado. De que sigamos adiante. Porque a miña primeira reacción foi dicir non e estou segura de que sería a mesma da inmensa maioría das mulleres.

Vivimos nunha sociedade na que aínda segue a haber congresos nos que todos os participantes son homes. Na que as mulleres son tan só o 7% dos referentes dos que falan os libros de texto. Na que a proporción de homes en postos directivos é 30 puntos maior que a das mulleres. Na que, en Galicia, a brecha salarial segue a ser do 18,6% por cento, do 34,1% se falamos das pensións. A diferenza entre a pensión dunha galega e a dun galego é de 391,23 euros mensuais.

Datos e máis datos que poden parecer fríos e afastados do noso día a día. Pero que marcan a nosa realidade. E o mundo no que medran as novas xeracións. Por iso non podemos esquecelos ou mirar cara a outro lado. Tampouco deixar retroceder un só dos dereitos gañados. Nin dar marcha atrás no camiño cara á igualdade.

Igualdade. Parece mentira que, a esta alturas, sexa necesario insistir nunha cuestión tan obvia. É o obxectivo e a loita do feminismo desde o século XVIII. E, cando xa van alá dúas décadas do século XXI, non só non se logrou a igualdade real entre mulleres e homes, senón que aínda hai quen discute que sexa necesaria.

Hai persoas que negan as violencias sobre as mulleres, que negan as desigualdades evidentes a nivel económico ou social, que seguen a apostar por modelos que oprimen, invisibilizan e borran as mulleres. E non podemos esquecer esas persoas igual que non podemos esquecer os erros do pasado. Para non volvelos repetir.

Hai cinco anos, no xa histórico 8M de 2018, demos un paso de xigante saíndo á rúa de xeito masivo, rachando co silencio, facendo ver que se paramos as mulleres, para o mundo. Porque somos máis da metade da humanidade. Agora toca facer ver que a igualdade e a defensa dos nosos dereitos benefician a toda a sociedade. Fana medrar.

Esta sociedade igualitaria segue a ter obstáculos. Por iso fan falta as lentes moradas sempre postas, e estar dispostas a rachar co silencio. Durante toda a historia, caláronnos, invisibilizáronnos. Co feminismo logramos ter voz. E agora non podemos dar todos os logros acadados por seguros, senón que toca seguir defendendo o dereito a ocupar o lugar que merecemos como metade da poboación. A que nos tomen en serio. A non ter que xustificar as decisións que tomamos sobre a nosa vida e o noso corpo. A que os nosos corpos non sexan sexualizados, violentados ou xulgados.

O dereito a non ter que pedir perdón por ser fortes ou querer ocupar espazos da vida pública. A ser respectadas. A ser escoitadas. A non ter que traballar o dobre para ter a metade do recoñecemento. Non volvamos á casa de saída. Mulleres adiante. E Xuntas.

Natalia Puga López

Marzo 2023