Convocados os I Premios #MULLERESQUEOPINAN aos mellores artigos sobre o Encontro As Mulleres Que Opinan Son Perigosas 2023

As mulleres que opinan 2023 - banner

Ás portas dunha nova edición do encontro As Mulleres que Opinan son Perigosas os vindeiros venres e sábado 17 e 18 de marzo no Teatro Principal de Pontevedra, a Deputación e o Concello de Pontevedra veñen de publicar as bases da primeira edición dos Premios #MulleresQueOpinan. Serán premiados con 1.000 euros os mellores artigos de opinión escritos en galego e en castelán sobre as temáticas que se aborden no encontro, e ademais serán publicados nos principais xornais da provincia de Pontevedra.

Poderanse presentar aos Premios #MulleresQueOpinan artigos de opinión sobre a propia experiencia como espectadoras ou asistentes (de maneira virtual ou presencial) arredor de calquera dos temas que se traten no congreso 2023: poden ser os das conferencias ou tamén os que se traten nas roldas de preguntas. O único requisito, ademais da temática, será que o texto acredite ter asistido ao foro e inspirarse nel para escribir a peza de opinión. En canto á extensión, sen contar espazos, non poderán exceder dos 3000 caracteres, e constarán de titular e corpo. Os artigos orixinais poden ben ser inéditos ou ben teren sido publicados por xornalistas que cubrisen as xornadas do foro e os publicasen nos medios nos que traballan.

Con esta iniciativa, Deputación e Concello de Pontevedra promoven o exercicio da opinión por parte das mulleres profesionais do xornalismo, á vez que anima e promove a escrita entre as mulleres máis novas e fomenta o nacemento dunha nova canteira de mulleres opinadoras. As bases xa están dispoñibles no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e o prazo para presentar as solicitudes estará aberto desde o 20 de marzo ao 10 de abril.