Vídeo do Faladoiro Feminista sobre a Lei de liberdade sexual

Xa está dispoñible o vídeo do Faladoiro feminista sobre a lei de liberdade sexual, celebrado no Centro de Información á Muller na tarde do mércores 22 de marzo.

No coloquio, presentado pola concelleira de igualdade Yoya Blanco, participaron Belén Rubido de la Torre, xuíza decana de Pontevedra e titular do Xulgado do Penal nº 4 de Pontevedra, especializado en Violencia Machista; Dori Varas Noguerol, traballadora social da Oficina de Atención e Asistencia ás Vítimas do Xulgado de Vigo, e Rosa Fontaíña Pazos, coordinadora e voceira da Asociación da Rede de Mulleres Veciñais Contra os Malos Tratos de Vigo e actuou como moderadora a xornalista María Varela Abelairas.

O obxectivo desta cita, tal e como afirmou Varela, era “arroxar un pouco de luz sobre a lei, que entrou en vigor o 7 de outubro e que estivo cargada de moitas polémicas”.

Belén Rubido, tratou de explicar os puntos de máis controversia dentro da norma, centrándose na lexislación anterior e nos modelos de delitos sexuais en Europa, no cambio de tipos penais e revisión de condenas segundo a nova lei, na protección integral da vítima de violencia sexual e os dispositivos telemáticos de control (GPS), na reparación integral da vítima sexual, así como tamén na renuncia e revocación da renuncia na reparación civil do delito.