Convocada a terceira edición do Premio Literario Pinto e Maragota

A Concellería de Igualdade, en colaboración con Edicións Xerais de Galicia, vén de convocar a III edición do Premio Literario Pinto e Maragota, que ten como finalidade visibilizar e dignificar a diversidade sexual e de xénero. As obras presentadas deberán ter presente no seu argumento, como temática principal ou transversal, a diversidade sexual e de xénero (orientación sexual e/ou identidade de xénero), establecéndose un único premio de 3.000 euros que fará efectivo o Concello de Pontevedra (e que estará suxeito ás retencións legalmente establecidas).

O xénero literario das obras presentadas poderá ser novela, teatro ou poesía, tanto para público infantil, xuvenil como adulto. No caso de optar por novela ou obra dramática para o público adulto, o texto deberá ter un extensión total mínima de 90.000 caracteres con espazos. No caso de poesía para público adulto, sería un mínimo de 500 versos, de forma libre. As obras para o público infantil non terán extensión mínima requerida.

As persoas que desexen participar deberán enviar os traballos en formato pdf por correo electrónico, co asunto ‘Para o III Premio Literario PINTO E MARAGOTA’, ao enderezo electrónico igualdade@pontevedra.eu. Deberanse incluír no email dous arquivos: un co orixinal, que terá que presentarse baixo un lema e sen ningún tipo de dato que identifique ao seu autor/a; e outro co nome completo, idade, enderezo, teléfono, título da obra e número de conta. O prazo de presentación pecharase o xoves 29 de xuño ás 23:59 horas. Poderanse presentar, en envíos separados, cantas obras quixer por persoa. Calquera dúbida sobre o contido desta convocatoria será atendida polo Centro de Información á Muller (CIM) (tlf: 986 864 825; e-mail: igualdade@pontevedra. eu).

Nas anteriores edicións, resultaron gañadoras as novelas “Cobiza” da escritora María Reimóndez e “Estranxeiras” da realizadora audiovisual Carmen P.G. Granxeiro.

Resumo bases:

Anuncio BOPP