Os artigos “As voces perdidas” e “La ventaja de ser mujer” acadan os galardóns de xornalismo de opinión, en galego e castelán respectivamente, convocados pola Deputación e o Concello de Pontevedra, e dotados con 1.000 euros cada un.
Os premios “Mulleres que Opinan”, convocados pola Deputación e o Concello de Pontevedra ao abeiro do foro “As Mulleres que Opinan son Perigosas” e que buscan promover o exercicio da opinión xornalística e fomentar o nacemento dunha nova canteira de mulleres opinadoras, xa teñen gañadoras. Carolina Sertal Souto, co artigo “As voces perdidas”, e Carmen González Magdaleno, con “La ventaja de ser mujer”, acadaron estes galardóns nas modalidades de escrita en galego e castelán, dotados con 1.000 euros cada un, nesta súa primeira edición.
En “As voces perdidas”, Carolina Sertal parte dunha cita de Virginia Woolf que para ela marca un antes e un despois, “Unha muller debe ter cartos e un cuarto propio para escribir ficción” para amosar que ese espazo propio “é para a muller o tempo para si mesma que lle foi negado, ese contador demoníaco coas agullas ancoradas no doméstico e nos coidados”. A autora do artigo define o foro “As Mulleres que Opinan son Perigosas” como “ese cuarto propio negado acotío” e como “un lugar cun chan sólido e nada pegañento sobre o que tecer unha rede segura co fío das que foron alumeadas co don da palabra”. “En definitiva –sinala- un cuarto en cuxas paredes resoan as denuncias e as reivindicacións das mulleres valentes que xa non están dispostas a calar”.
Pola súa banda, o artigo gañador na modalidade de castelán, “La ventaja de ser mujer” inspirouse na conferencia de Rosa María Calaf que pechou o foro e que, segundo cita, “cambió nuestra perspectiva haciéndonos ver que las mujeres somos mucho más que las primeras víctimas de toda desigualdad o recesión”. Carmen González defende neste artigo que “en el periodismo, nosotras también somos garantía de humanidad y universalidad, completando la mitad que se cercena de todo relato por no incluir a las mujeres”. “El periodismo –afirma- con enfoque feminista es imprescindible porque se asoma a la cara oculta de la realidad. Nuestra mirada es nuestra ventaja y el arma más poderosa contra el discurso del statu quo. Sin dar a conocer cómo funciona desde abajo una sociedad es imposible transformarla. (…) Ser mujer, hablar con y de mujeres, cambia el mundo”.
O xurado recoñeceu a calidade dos artigos premiados, en cuxos textos acreditan, como sinalaban as bases, ter asistido ao foro e terse inspirado nel para escribir opinión. Amais da dotación económica ambos os dous textos van ser publicados nos principais xornais da provincia. O xurado cualificador estivo presidido pola xefa do Servizo de Igualdade da Deputación, Lucía Muradas, e integrado pola técnica do servizo, Ana Isabel Amoedo, amais de polas xornalistas organizadoras do congreso, Susana Pedreira e Diana López Varela, as periodistas Belén López (Diario de Pontevedra), María Obelleiro (Nós), Lara Graña (Faro de Vigo), a representante do CIM de Pontevedra Mercedes Renda e Jesús Iglesias e María Conde como representantes respectivamente dos gabinetes de prensa do Concello e Deputación.