Aberta a convocatoria do Premio Ernestina Otero Sestelo 2023

O Boletín Oficial da Provincia vén de publicar a convocatoria do Premio Ernestina Otero Sestelo 2023 para a incorporación da perspectiva de xénero nos centros educativos do concello de Pontevedra.

O certame, impulsado pola Concellería de Igualdade e o Centro de Información á Muller (CIM), está orientado a recoñecer e valorar aqueles proxectos educativos innovadores e relevantes en canto á incorporación da perspectiva de xénero, e que supoñan un exemplo de boas prácticas e modelo para futuras iniciativas educativas en materia de igualdade de oportunidades de mulleres e homes.

Para poder presentar as solicitudes, as actividades e proxectos deben terse realizado ao longo deste curso 2022-2023 e cada centro poderá presentar dúas solitudes por categoría a través deste enlace.

Hai dúas categorías: unha para Infantil e Primaria e outra para Secundaria e niveis postobrigatorios, con dous premios en cada unha de 900 e 500 euros e o importe de cada premio deberá destinarse ao fomento e desenvolvemento de proxectos ou actividades relacionadas coa igualdade de oportunidades de mulleres e homes no curso 2023/2024.

A concelleira de igualdade, Yoya Blanco animou “a toda a comunidade educativa a participar nesta convocatoria”, xa que “de seguro que houbo moitos centros nos que se desenvolveron interesantes traballos en materia de igualdade”.

Para calquera dúbida ou consulta, pode contactarse ao CIM de Pontevedra no teléfono 986 864 825 ou no email igualdade@pontevedra.eu.