Baixo o lema “Tecendo Diversidades” inaugurouse este luns unha semana de celebracións que comezou na Praza da Verdura coa presentación da instalación artística que preside desde esta mañá o balcón da Casa da Luz, e que consiste nun fermoso ‘mantón’ de la de dez metros de lonxitude tecido a man pola firma Ovella Rosa nun laborioso traballo que se prolongou durante dous meses.
Con este acto, ao que asistiron xunto coa concelleira de Igualdade Yoya Blanco os concelleiros Iván Puentes, Rafael Domínguez e Silvia Junco e membros do colectivo, dá comezo o diverso e nutrido programa de actividades deseñado pola Concellería de Igualdade con motivo da semana do Orgullo LGBTIQA+.
As actividades desta primeira xornada do Orgullo, na que o departamento que dirixe Yoya Blanco comezou a distribuír un milleiro de abanicos de plástico reciclable coa bandeira LGBTI e un milleiro de folletos informativos cos eventos programados, tiveron continuidade pola tarde na Praza da Peregrina (18:00 horas) cun acto de homenaxe a Juan Ucha Villaverde, ‘Juanito O Meregildo’, a cargo da Asociación de Veciños O Chedeiro de Cerponzóns e dos colectivos Avante LGBT+ Pontevedra e a Asociación de Familias de Menores Trans ‘Arelas’.
Os actos desta xornada inaugural do Orgullo pecháronse ás 19:30 horas na Facultade de Belas Artes (Sala O abrigo, antiga cafetería) cunha palestra de Autodefensa Legal e Lei Trans, a cargo do xurista e investigador en Dereito Sanitario e Bioética Miguel Vieito.