A Sala de Prensa do Teatro Principal acolleu na tarde do venres 16 o acto de entrega dos premios do concurso TikTok pola Igualdade, unha iniciativa impulsada pola Concellería de Igualdade e o CIM de Pontevedra dirixida a alumnado de terceiro e cuarto da ESO dos centros educativos do municipio e orientada á promoción da igualdade e á prevención da violencia de xénero a través de vídeos desta popular rede social.



O xurado do certame outorgou o galardón en categoría individual ao vídeo “Isto é o normal”, de Rosalía López Leiro, alumna do IES Luis Seoane, e o premio en categoría grupal á peza “Eu mando en min!”, das estudiantes do IES Valle Inclán María del Carmen Costa, Julieta Ferradás Lens, Jimena Álvarez Silva e Sara Fernández Gato.


Tal e como subliñou Yoya Blanco durante o acto de entrega de premios, “este proxecto, incluíu a realización de 9 palestras informativas presenciais para alumnado e profesorado nos centros educativos que así o solicitaron nas que se realizou un traballo de concienciación e de sensibilización sobre as temáticas obxecto do concurso, como por exemplo as relacións igualitarias baseadas no respecto e na liberdade, a corresponsabilidade, as achegas das mulleres na Historia, a ruptura de estereotipos e roles de xénero, a igualdade de recoñecemento na cultura, no deporte e no ámbito laboral, as violencias machistas en espazos virtuais ou os mitos do amor romántico”.





Antes de proceder á entrega dos galardóns, exhibiuse un vídeo resumo das catorce pezas admitidas a concurso entre as dúas categorías.
No caso do vídeo de Rosalía López Leiro, o xurado valorou a mensaxe en positivo a favor da igualdade de xénero, acompañada dunha linguaxe de fácil comprensión, e para o premio en categoría grupal ao vídeo ‘Eu mando en min!’ destacouse o seu potencial sensibilizador e para invitar á reflexión a través da creación de lemas orixinais que sintetizan correctamente os obxectivos do proxecto.
Trala recollida de galardóns e o visionado das pezas gañadoras, Yoya Blanco felicitou ás premiadas e alentou a seguir “traballando pola igualdade con ilusión, entusiasmo e alegría desde tódolos espazos e con tódolos medios ao noso alcance”.


Podes ver todos os traballos presentados aquí