Xa temos obra gañadora da III edición do Premio Pinto e Maragota pola Diversidade de Sexo e Xénero! É un poemario que leva por título “Todo o que doe”, da docente e escritora Carme Caramés Gorgal e será publicado por Xerais.
O xurado estivo composto por Miguel Calvo Marques, membro da Xunta Coordinadora da Rede Educativa de Apoio LGBTIQ+ de Galicia, Cristina Barreiro, docente no CEP Marcos da Portela e membro do colectivo Avante LGBT+ Pontevedra e Sara Vila, escritora e responsable de prensa da editorial Xerais. Actuou de secretaria a directora do CIM Rosa Campos.
O xurado destacou da obra gañadora a tenrura, a potencia das metáforas e a creación de atmosferas que evocan distintas sensación e emocións. Salientaron tamén a certeira representación da dificultade que supón, nesta historia, o amor entre dúas mulleres fóra das normas establecidas, así como a reivindicación do dereito a vivir o amor en liberdade.
O xurado quixo destacar, así mesmo, a calidade das seguintes obras: a novela para público adulto presentada co título “Os tres nomes da Sartegua” e a obra xuvenil “A campá dos Tararíns” e recomenda á editora que valore a súa publicación.
Nas anteriores edicións do certame resultaron gañadoras as novelas “Cobiza” da escritora María Reimóndez e “Estranxeiras” da realizadora audiovisual Carmen P.G. Granxeiro.
Nesta ocasión, participaron no concurso un total de 23 obras: 7 na categoría de literatura infantil e xuvenil, 5 novelas para público adulto, 2 obras de teatro e 9 poemarios para público adulto.