A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, compareceu esta mañá en rolda de prensa para ofrecer unha ollada polo miúdo da programación do Pinto e Maragota, Programa Municipal pola Diversidade Sexual.
A edil pontevedresa quixo poñer en valor o conxunto de actividades en relación coa diversidade que promove o Concello de Pontevedra, sinalando que “Pontevedra levanta a bandeira da diversidade durante todo o ano e faino desde diferentes perspectivas”.
A concelleira de Igualdade quixo destacar tres elementos ou actividades incluídos no nomeado programa: o Premio Literario Pinto e Maragota, creado en colaboración coa editorial Xerais, que este ano recaeu en Carmen Caramés e na súa obra ‘Todo o que doe’; o Congreso para docentes “A diversidade sexual e de xénero nas aulas: materia pendente?” que se celebrará o sábado 21 de outubro no Teatro Principal de Pontevedra e, máis preto no calendario, a Foliada Diversa deste sábado, 7 de outubro na Praza do Teucro (desde as 19.00 horas) en colaboración coa Asociación Cultural Trépia.
Aproveitando a presentación, Anabel Gulías anunciaba que o goberno local traballa na licitación do concurso público do Centro de información en diversidade e sexualidade (CIDES) de Pontevedra coa intención de que entre en funcionamento en 2024.