Pontevedra aposta polo lema ‘As cousas, polo seu nome’ para a campaña do 25N

Ademais de apoiar as actividades que organicen os colectivos feministas, o goberno local preparou a súa propia programación que contempla, entre outras iniciativas, unha charla entre a xornalista Susana Pedreira e a cantante Zahara.

A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, presentou este martes 7 os actos e a campaña municipal preparada desde o Concello de Pontevedra co gallo do 25 de novembro, Día internacional contra a violencia machista, acompañada polas traballadoras do CIM ademais da empresa pontevedresa encargada do deseño gráfico da mesma, Ovo Publicidade.

A edil realizou unha declaración de intencións ao inicio da súa comparecencia sinalando «que o Goberno Local de Pontevedra é un Goberno feminista, e como tal temos a responsabilidade de facer campañas que axuden a comprender e combater unha das maiores lacras da sociedade moderna, tal como é a violencia machista».

Segundo a concelleira, os minutos de silencio polas vítimas “non son de abondo” porque a pesar destas mostras de repulsa “as mulleres seguen sendo asasinadas e fronte a esa realidade aparece un discurso negacionista”, algo que “non podemos permitir”. Por iso é polo que Pontevedra optou este ano por unha campaña na que, baixo o lema ‘As cousas, polo seu nome’, busca facer entender á sociedade que “non podemos permitirnos eufemismos, disimulos nin endulzar as situacións que padecen as mulleres no mundo”.

A imaxe desta campaña, lembra que a violencia que padecen as mulleres “é violencia machista, non doméstica nin intrafamiliar” ou que cando lles chaman feminazis “demostran o seu machismo”. Tamén hai críticas aos medios de comunicación ante titulares como ‘Morre unha muller’, porque “non morremos por xeración espontánea, e é que cando nos matan nos asasinan, polo feito de ser mulleres, non son liortas domésticas, non son crimes pasionais”, apunta a edil.

programación municipal do 25N incluirá unha serie de actos previos como unha reunión do Consello da Muller Nova ou a inauguración no Teatro Principal, o 16 de novembro, da exposición sobre o programa Xuntas, no que mulleres en situación de vulnerabilidade traballan na adquisición de habilidades e coñecementos para a mellora da súa autoestima.

O luns 20 de novembro lerase no pleno municipal o manifesto do 25N, que elaborará a Asociación de Profesionais dos CIM (ASOCIM) e despregarase unha lona no balcón da casa do concello coa campaña gráfica municipal contra a violencia machista.

Ademais, presentarase un proxecto de intervención no espazo público que, segundo Anabel Gulías, honrará a memoria das vítimas da violencia contra as mulleres.

Doutra banda, desde o Concello realizarase a difusión e serán apoiados os actos conmemorativos (manifestación, concentracións…) convocados polo movemento feminista, respectando o protagonismo das asociacións. Pero o goberno municipal non renuncia a impulsar a maiores unha programación propia. Farao cunha charla sobre violencia machista e un concerto na igrexa de Santa Clara.

Ás 13:00 horas, a xornalista Susana Pedreira charlará coa artista Zahara sobre o seu disco Puta, no que revelou a súa propia historia de abusos. Froito dese traballo, lembrou Gulías, “sufriu todo tipo de ataques e insultos”. “A súa testemuña é moi interesante para achegarnos á realidade de moitas mulleres que son atacadas porque o patriarcado ve fatal a súa faceta pública”, destacou a edil de Igualdade.

Esta programación completarase, ás cinco da tarde, cun concerto da artista libanesa Nadine Khouri, que achegará ao público pontevedrés a diferentes realidades da loita feminista en todo o mundo. 

Todas estas actividades serán gratuítas ata completar aforo.

A maiores, o domingo 26 de novembro será a ‘andaina do camiño violeta’ da Asociación de Amigos da Pontevedrada entre Poio e Pontevedra; o mércores 29 entregarase o premio Ernestina Otero Sestelo e o 16 de decembro haberá un taller de autodefensa ante situacións violentas en sesión de mañá e tarde na Casazul (Sala Almofrei). A inscrición farase a través da plataforma apuntate.pontevedra.gal Este curso xa se fixo con grande éxito en anos anteriores.