Lectura da declaración institucional polo 25 de novembro, Día internacional contra a violencia machista

Como cada 25 de novembro, día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres, Pontevedra visibiliza a loita social contra as violencias machistas. Fíxoo xa desde onte, luns, colocando a pancarta conmemorativa no balcón da casa consistorial da Praza de España.

Tras o despregue desta faixa, Rosa Campos Briones, directora do CIM de Pontevedra, deu lectura no Pleno da corporación municipal á declaración institucional polo 25 de novembro, que nesta ocasión foi elaborada pola Asociación de Profesionais dos Centros de Información á Muller (ASOCIM).

Nel, despois de poñer en valor o traballo “calado e discreto” das profesionais que traballan para mellorar a situación das vítimas e de todas aquelas mulleres en situación de vulnerabilidade, Campos apelou ao compromiso de toda a sociedade para erradicar esta lacra social.

“O 25 de novembro é unha data para a denuncia activa de toda a sociedade, unida, en contra da violencia que se exerce contra as mulleres polo feito de ser mulleres”, subliñou a responsable do CIM pontevedrés, que entende que a cidadanía no seu conxunto ten que “sentirse interpelada”.

A violencia machista, segundo recolleu este manifesto, é un problema cultural e estrutural “que ten as orixes nas relacións de poder historicamente desiguais entre homes e mulleres e que polo tanto precisa de medidas artelladas desde a propia sociedade”.

O papel que teñen os concellos “é fundamental”, subliñou Rosa Campos, porque poden garantir a atención ás vítimas, o acceso aos recursos dispoñibles, a actuación coordinada e áxil ante estas situacións e a prevención da violencia a través da concienciación cidadá e da educación.

O manifesto advertiu que esta educación resulta “imprescindible” fronte o “alarmante aumento” das violencias machistas entre a mocidade, “alimentado pola constante hipersexualización e cousificación do corpo das mulleres, a cultura da violación, o fácil acceso á pornografía, os mitos do amor romántico e a difusión a través das redes sociais”.

“A suma de todo isto contribúe a crear relacións violentas a idades temperás, e a educación en igualdade é a mellor e máis eficaz ferramenta da que dispoñemos para frealo”, engadiu Campos.

Este “compromiso e implicación” de toda a cidadanía é vital á vista das denuncias presentadas, os casos agochados de violencia ou as mulleres asasinadas, 52 este ano. “Para elas, desgraciadamente, chegamos tarde. Cada unha delas é un gran fracaso colectivo”, sentenciou. 

A declaración recorda que ese compromiso “demóstrase con accións”, dotando aos CIM dos recursos persoais e materiais suficientes para atender ás vítimas e poñendo en marcha desde as administracións públicas leis, plans e políticas de igualdade.

No caso de Pontevedra, rematou o manifesto, “declaramos o noso firme compromiso de traballar incansable e responsablemente na mellora das accións contra as violencias machistas a través da coordinación cos recursos sanitarios, sociais, educativos e de seguridade, así como do acceso á atención e aos recursos para as mulleres que as sofren”.