Dentro das actividades organizadas polo CIM de Pontevedra en torno do 25 de novembro, Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra as Mulleres, destacan especialmente as que se celebrarán o sábado, protagonizadas polas artistas Zahara e Nadine Khouri.
Ás 13.00 horas celebrarase un Faladoiro no que Zahara conversará coa xornalista Susana Pedreira sobre violencias machistas e da expresión artística como ferramenta para lidar cos traumase ás 5 da tarde desfrutaremos dun Concerto-recital coa libanesa Khouri. Ambas actividades son de balde e con entrada libre ata completar o aforo.
Por causas alleas ao Concello, as actividades que estaban previstas para o sábado 25 na igrexa de Santa Clara pasarán a celebrarse, no mesmo horario, no Edificio Castelao do Museo de Pontevedra.
De orixe libanesa e afincada en Londres, Nadine Khouri defínese a si mesma como filla do desarraigamento e conta que as súas cancións nacen motivadas polo doloroso sentimento de saberse forasteira a perpetuidade. A súa música soa a profunda melancolía e honestidade, pero tamén a beleza serena e elegante madurez e a súa cálida e delicada voz remite ás de Hope Sandoval, Stina Nordenstam ou Julee Cruise.
Zahara é unha artista multidisciplinar (cantante, compositora, actriz, presentadora de televisión, produtora e escritora) que compuxo a súa primeira canción, Una palabra, con só 12 anos. Leva compoñendo e tocando as súas cancións por todo o estado desde 1999 e na súa discografía destacan os álbums “La pareja tóxica”, “Santa”, “Puta”, “Reputa” (reedición do anterior) e “Madre”. O 11 de agosto de 2021 Zahara foi involuntariamente Tendencia Mundial en Twitter, debido a que o partido político Vox e o Concello da cidade de Toledo decidiron retirar o seu cartel promocional da xira “Puta” xurdindo un movemento internacional de resposta en redes sociais na defensa da liberdade creativa e de expresión da artista e o seu equipo.
Ademais da súa carreira na música pola que ten recibido múltiples premios e nominacións, Zahara participa noutros proxectos como a empresa Sociedad con Acento, dedicada á formación en oratoria, debate e falar en público; a creación do seu propio selo discográfico, G.O.Z.Z. Records; a actuación teatral; a televisión (en 2020 incorporouse ao programa Operación Triunfo como mestra de Cultura Musical); e a escrita (“Semaforismos y Garabatonías” en 2014, a novela “Trabajo, piso, pareja” en 2017 e “Teoría de los cuerpos” en 2019).