Actos dos colectivos feministas polo 25 de novembro

O Concello de Pontevedra súmase e apoia todas as actividades reivindicativas que organicen os colectivos feministas en Pontevedra no Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller.

Así, haberá unha concentración ás 12:00 horas organizada pola Marcha Mundial das Mulleres na Praza de Ourense e, ás oito e media da tarde, unha manifestación que coordina o Colectivo Feminista de Pontevedra xunto ao colectivo transfeminista FULANAS e que partirá da Praza da Peregrina co seguinte percorrido: rúa Peregrina, Frei Xoan Navarrete, Joaquín Costa, Cobian Areal, Benito Corbal, Cobian Roffignac, Laranxo, Rúa Pasantería, Praza Estrela e Praza da Peregrina .

Ademais estas dúas asociacións instalarán unha mesa informativa sobre as violencias estruturais na propia Peregrina a partir das 18.00 horas.

A maiores o Concello conta cunha programación propia consistente nunha charla sobre violencia machista e un concerto no Edificio Castelao.

Ás 13:00 horas, a xornalista Susana Pedreira charlará coa artista Zahara sobre a súa propia historia de abusos e as múltiples violencias sufridas tanto no ámbito privado como no público. Esta programación completarase, ás cinco da tarde, cun concerto da artista libanesa Nadine Khouri, que achegará ao público pontevedrés a diferentes realidades da loita feminista en todo o mundo. 

Todas estas actividades serán gratuítas ata completar aforo.

A maiores, o domingo 26 de novembro será a Andaina Camiño Violeta da Asociación de Amigos da Pontevedrada entre Poio e Pontevedra; o mércores 29 entregarase o premio Ernestina Otero e o 16 de decembro haberá un taller de autodefensa ante situacións violentas.