A terceira edición da Andaina Camiño Violeta foi todo un éxito. Centos de persoas participaron na mañá do domingo 26 de novembro nesta camiñata organizada pola Asociación de Amigos da Pontevedrada (Asampo) co obxectivo de visibilizar a violencia machista e lembrar ás vítimas mortais.
Este ano a iniciativa estendeuse ao municipio veciño de Poio arrancando ás 9 da mañá do Parque da Memoria e a través da senda litoral da Ostreira pasando polo peirao de Campelo ata a enseada de Lourido. Alí proxectouse unha peza audiovisual elaborada por alumnado do IES de Poio e o Consello Municipal da Muller deste Concello. A etapa rematou coa lectura do manifesto de rexeitamento á violencia contra as mulleres. Nese punto, participantes do club de Piragüismo de Pontevedra e a Asociación Dragón Boat Galicia recollían o báculo co nome pirogravado das mulleres asasinadas durante este 2023 para trasladalo a Pontevedra.
As embarcacións chegaron antes da hora prevista á ponte do Burgo e alí o báculo foi recollido pola Asociación Discamino, colectivo encargado de levalo ata a Praza de España desde onde partiu o xa tradicional itinerario de 1,7 quilómetros do Camiño Violeta polo casco histórico.
Entre as decenas de participantes atopábase o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores e a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías; así como os edís socialistas Iván Puentes, Yoya Blanco, Paloma Castro e Marcos Rey.
Ao finalizar o percorrido circular volveuse dar lectura ao manifiesto reivindicativo de ASAMPO na Praza de España.