O Teatro Principal de Pontevedra acolleu este mércores un acto que foi, ao mesmo tempo, homenaxe á mestra Ernestina Otero Sestelo e recoñecemento ao traballo que se fai desde os centros educativos en materia de igualdade de oportunidades. A todos os colexios pontevedreses que incorporan a perspectiva de xénero ao seu traballo diario a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, quixo recoñecerlles a súa contribución, destacando que no traballo de concienciación dos valores feministas a comunidade educativa é “unha peza clave” e resulta básico “para facer cidades máis inclusivas, nas que poidamos ser todas iguais”.
A cita no Teatro Principal tiña como obxecto principal a entrega da V edición dos Premios Ernestina Otero Sestelo, que desde 2018 están centrados en recoñecer e valorar aqueles proxectos educativos innovadores e relevantes en canto á incorporación da perspectiva de xénero, e que supoñan un exemplo de boas prácticas e modelo para futuras iniciativas educativas en materia de igualdade de oportunidades.
Estes premios teñen dúas categorías, a de educación infantil e/ou primaria e a de educación secundaria, formación profesional e promoción de poboación adulta e hai dous premios en cada categoría, de 900 e 500 euros, respectivamente.
En educación infantil e primaria o primeiro premio foi para o colexio San Martiño de Salcedo polo proxecto ‘Xogaldade’, do que recoñecen que buscou a reflexión do alumnado a través de experiencias propias e un avance contra os estereotipos de xénero.
O segundo premio foi para o colexio de Marcón polo proxecto ‘O oficio de lavar en Marcón’ polo marco metodolóxico aplicado, por buscar un papel activo do alumnado e por poñer en valor a cultura popular.
En secundaria, o primeiro premio foi para ‘Adiantadas’ do instituto Sánchez Cantón por un proxecto que implicou a todos os axentes sociais da cidade.
O segundo premio levouno o colexio Luis Seoane, polo proxecto ‘Igualdade desde a Transversalidade’ por un enfoque baseado na inclusión e a interculturalidade.
Gulías tamén agradeceu a colaboración da familia de Ernestina Otero e quixo insistir en que “hai mulleres que cómpre que nomeemos diariamente, que non esquezamos”.
O acto rematou cun contacontos de Cris de Caldas para todo o público asistente entre o que se atopaban, ademais de Anabel Gulías, responsables do CIM e membros do xurado, representantes da Corporación de Pontevedra, como os socialistas Iván Puentes, Paloma Castro, Yoya Blanco e Marcos Rey e a popular Silvia Junco.