A Concellería de Igualdade e o CIM pechan o programa de actividades do Día Internacional pola Erradicación da Violencia contra as Mulleres cunha nova edición do curso de autodefensa para ante situacións violentas que se celebrará o próximo sábado 16 de decembro.
Este curso de autodefensa, deseñado como forma integral de empoderamento ante situacións de risco, volverá a ter lugar na Sala Almofrei da Casa Azul en horario partido de 10 a 14 e, despois dun descanso para xantar, de 16 a 20 horas.
Monitorado por Manuel Herbón Arias, instrutor da Policía Nacional especialista en Defensa Persoal Feminina e a axente de igualdade do CIM, o taller comprende un conxunto de coñecementos, actitudes, pautas e técnicas físicas que permitan prever, avaliar e actuar ante situacións de ameazas, riscos ou agresións, achegándolle ás participantes un compendio de conciencia, confianza, seguridade e técnica.
Actividade de balde aberta a mulleres maiores de 16 anos. Inscricións abertas ata o 13 de decembro na plataforma apuntate.pontevedra.gal. Prazas limitadas
Esta actividade lévase facendo nos últimos anos con moito éxito entre as participantes que a valoran moi positivamente. Ven a probar a experiencia!