A Corporación municipal de Pontevedra respaldou este luns o manifesto do 8 de marzo, Día Internacional da Muller, que este ano correu a cargo de alumnado do Consello da Muller Nova do concello. A encargada da lectura foi a autora principal do texto, Martiña Alexandra Riobó Touriño, estudante de 2º da ESO e presidenta do equipo de Igualdade IES Valle Inclán, que estivo arroupada pola súa familia, parte do seu profesorado e compañeiras e compañeiros da ESO e Bacharelato.


Na súa intervención, que tivo lugar antes do Pleno ordinario de febreiro, no Teatro Principal, fixo fincapé na necesidade da “igualdade real” e sinalou as dificultades que teñen as mulleres en distintos eidos, tanto social como laboral, para acadar as mesmas cotas que os homes. Tamén lanzou varias preguntas ao aire. “Se queredes igualdade, por que non sodes feministas?”, “Por que nós temos que traballar o triplo para demostrar que somos válidas?”, “Por que seguimos a ser acosadas no traballo, na discoteca, na rúa e temos que soportar case a diario comentarios e comportamentos sexistas?” dicían algunhas delas.

O Concello anunciou que, en adiante, a mocidade pontevedresa será a encargada de elaborar os futuros manifestos do 8-M a través dos respectivos consellos de Igualdade, tal e como confirmou o Concello.

