Convocada a 2ª edición dos premios #MulleresQueOpinan de opinión xornalística

As bases xa están dispoñibles no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e o prazo para presentar as solicitudes, que deberán facerse preferiblemente a través da Sede electrónica da Deputación, será do 18 de marzo ao 8 de abril.

Concello e Deputación de Pontevedra veñen de publicar as bases da segunda edición dos Premios #MulleresQueOpinan co gallo de apoiar as mulleres que exercen a profesión xornalística e o xénero da opinión. Estes premios teñen como obxectivo promocionar o exercicio da opinión xornalística por parte das mulleres profesionais do xornalismo, animar e promover a escrita nas mulleres máis novas, e fomentar o nacemento dunha nova canteira de mulleres opinadoras.

Ademais, outro dos obxectivos é dispoñer dunha crónica escrita da sétima edición do foro As Mulleres que Opinan Son Perigosas (que terá lugar o 15 e o 16 de marzo de 2024 no Teatro Principal de Pontevedra) por parte de mulleres que asistan como público (presencial ou en liña). Por último, con este premio tamén se busca contribuír a consolidar a marca #MulleresqueOpinan e que sexa referencia en todo o territorio estatal.

Premiaranse con 1.000 euros os mellores artigos de opinión escritos en galego e en castelán sobre as temáticas que se aborden no encontro, que, ademais, se publicarán nos principais xornais da provincia de Pontevedra.

As interesadas poderán presentar un artigo en castelán e outro en galego; con todo, só poderán resultar gañadoras nunha modalidade. O xurado poderá declarar deserto algún dos premios.

O xurado estará composto por persoal técnico de igualdade e prensa das dúas Administracións, as organizadoras do foro, Diana López Varela e Susana Pedreira e as dúas xornalistas gañadoras da primeira edición dos Premios #Mulleres que Opinan, Carolina Sertal e Carmen G. Magdaleno.