Nova edición dos Contos Pola Igualdade SOMOS IGUAIS

Un ano máis, a Concellería de Igualdade e o CIM de Pontevedra organizan a actividade ‘Somos iguais. Contos pola igualdade‘ que novamente chega da man e a voz da narradora Raquel Queizás.

O xoves 23 de maio o alumnado de 3 e 4 anos da EEI Crespo Rivas e a rapazada do CEIP San Martiño de Salcedo desfrutou deste contacontos que terá continuidade nos próximos días no CPR Doroteas, o CEIP Froebel, o CEIP Manuel Vidal Portela, o CEIP Santo André de Xeve, a EEI Fina Casalderrey e o CEP Marcos da Portela.

A través desta divertida actividade as crianzas descubren historias de nenas e nenos que rompen os estereotipos dos contos tradicionais e identifican situacións que poden atopar no día a día na escola, na casa, no parque… onde a violencia física e verbal pode ter solución grazas á palabra e gozarán brincando coa imaxinación que nos une. Dende a infancia pódense previr as violencias machistas desmontando cos contos os roles e estereotipos sexistas que dificultan a convivencia pacífica entre nenas e nenos.

O ano pasado os Contos pola Igualdade chegaron a máis de 720 crianzas de entre 3 e 9 anos.

Acción financiada a cargo dos créditos recibidos do Ministerio de Igualdade, Secretaría de
Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero.