Pontevedra celebra o Orgullo a partires do 23 de xuño cunha programación que combina cultura, formación, festa e reivindicación

Do 19 a 29 de xuño a cidade de Pontevedra terá máis dunha semana de reivindicación dos dereitos LGBTIQA+ cunha ampla programación do Orgullo que inclúe “unha combinación de cultura, formación, festa e reivindicación”, segundo informaron a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías; o concelleiro de Cultura, Demetrio Gómez; e o portavoz de Avante na cidade, Diego Feijoo. O próximo mércores 19 de xuño, ás 20.00 horas, despregarase no balcón da Casa Consistorial unha pancarta reivindicativa co que se dará o arranque á programación do ORGULLO PONTEVEDRA 2024

O 23 de xuño, no Campillo de Santa María, haberá un vermú para celebrar un ‘San Xoán Diverso‘. Incluirá ambientación musical a cargo de DJ e petiscos, nesta actividade enmarcada no Programa Municipal Pinto e Maragota. A programación continuará o luns 24 e o martes 25 con ‘Contos de Cores’ na libraría Seijas. O mércores 26 e xoves 27, a Casa das Campás acollerá os Encontros do Orgullo Orgullo Pontevedra 2024 para falar de familias diversas e realidade non-binaria con Nee Barros e Max Suárez da Asociación Arelas ou unha nova edición de “Referentes” con Guillermina Domínguez.

O venres 28, o propio Día do Orgullo, Avante LGBT homenaxeará a María del Carmen do Val, mestra lesbiana da parroquia pontevedresa de Cerponzóns que deixou pegada na comarca. Finalizarase cunha “gran festa do Orgullo” o sábado 29 de xuño no Parque das Palmeiras a partir das 13.00 horas e ata a madrugada. Actuarán Ana Talibana, a Duendeneta, Londreira e Señora DJ. Xa ás 20.00 da tarde sairá das Palmeiras a manifestación do Orgullo Pontevedra co lema ‘Avanzar en Dereitos’.

Ademais, desde o día 24 ao 28 terá lugar unha nova edición de ‘Ambienta’, a mostra de cinema LGBTIQA+.