Antía Yáñez e María Piñeiro, gañadoras da segunda edición do Premio ‘As mulleres que opinan’

As autoras, premiadas nas categorías de lingua castelá e lingua galega respectivamente, recolleron este luns os seus galardóns

Os artigos ‘As leis de Newton’ de Antía Yañez e ‘Hablar’ de María Piñeiro foron seleccionados polo xurado como merecedores da segunda edición do Premio ‘Mulleres que opinan’, convocados pola Deputación e o Concello de Pontevedra. 

Na escalinata principal do Pazo Provincial tivo lugar este luns o acto de entrega destes galardóns impulsados no marco do foro ‘As mulleres que opinan son perigosas’ e que buscan promover o exercicio da opinión xornalística e fomentar o nacemento dunha nova “canteira de mulleres opinadoras”. 

Os premios, dotados con 1.000 euros cada un, escritos en galego e castelán, abordan temáticas que foron tratadas no foro celebrado os días 15 e 16 de marzo.

Este ano presentáronse 25 textos a estes premios, 16 deles escritos en galego. Son máis que na anterior edición e puxéronllo “moi difícil ao xurado” coa súa “mirada crítica e feminista”, segundo explicou Diana López Varela, impulsora xunto á tamén xornalista Susana Pedreira de ‘As mulleres que opinan son perigosas’.

Neste acto o presidente da Deputación, Luis López destacou que “a provincia de Pontevedra é feminista” e que o encontro ‘As mulleres que opinan son perigosas’ “máis que un foro é un fenómeno social” que promove e incentiva unha sociedade crítica e activista poñendo o foco na igualdade, na inclusión, a conciliación e a educación.

Pola súa banda, o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores engadiu que as dúas administracións seguirán a apoiar este foro tendo presente que “quédanos moitisimo por facer” en pro dunha igualdade plena.

O xurado cualificador, reunido o pasado 14 de maio, estivo presidido pola xefa do Servizo de Igualdade da Deputación, Lucía Muradas, e integrado pola técnica do servizo, Ana Isabel Amoedo, amais de polas xornalistas organizadoras do congreso, Susana Pedreira e Diana López Varela, as premiadas na edición de 2023 Carolina Sertal e Carmen González Magdaleno, a representante do CIM de Pontevedra Mercedes Renda e Begoña Márquez e  Andrea Méndez como representantes respectivamente dos gabinetes de prensa do Concello e Deputación.