Celebrar, reivindicar e pasar un rato divertido son os obxectivos que perseguimos coa organización da actividade ‘Festa Feminista’ que terá lugar o próximo venres 21 de xuño no mercado municipal a partir das 7 da tarde.
O evento forma parte da campaña ‘Ábrelle a porta ao feminismo’ que o Concello de Pontevedra puxo en marcha en marzo con motivo do 8 de marzo, Día Internacional da Muller e que no seu momento houbo que cancelar polas condicións meteorolóxicas xa que estaba previsto facela na Praza de España despois da manifestación.
Na presentación da actividade realizada onte, 10 de xuño, pola concelleira de igualdade, Anabel Gulías, remarcouse que, na liña da campaña do 8M ‘queremos manter ese espírito de celebración, celebrar o que somos, ver o feminismo como unha cuestión imprescindíbel para avanzar’ porque as feministas “temos esa capacidade insuperable de poñernos en pé e superar as adversidades, sendo contundentes, pero tamén cun sorriso nos beizos, para explicarlle a quen queira escoitar que o feminismo é imparable”.
A celebración contará coa escritora e cómica Henar Álvarez de convidada especial protagonizando un faladoiro coa xornalista Carolina Sertal, unha das gañadoras do Premio Mulleres que Opinan 2023 e cuxa participación no encontro de xornalistas celebrado este marzo foi, en palabras de Gulías, “especialmente emocionante”.
Despois de que Henar e Carolina falen de feminismo, de experiencias persoais e colectivas, a festa seguirá coa música a cargo de La Yaya DJ e Señora DJ, “dúas referentes orgullosas de ocupar un espazo que tamén está tipicamente masculinizado”.
Entrada libre e gratuíta ata completar aforo.