A colocación da pancarta conmemorativa no balcón da Casa do Concello serviu para inaugurar os actos previstos en Pontevedra polo Día do Orgullo LGBTIQA+ no marco da campaña ORGULLO PTV+ 2024.
No acto público, celebrado o mércores 19 de xuño ás 8 da tarde, representantes dos tres grupos municipais co alcalde Lores á cabeza despregaron a lona como mostra de apoio a todo o colectivo dunha cidade orgullosa da súa diversidade.
Tamén acudiron representantes das asociacións AVANTE e ARELAS que participaron na programación deseñada con motivo do Día do Orgullo e que terá a súa primeira cita o vindeiro domingo 23 de xuño cun vermú San Xoán diverso no Campiño de Santa María, amenizado con petiscos e música.
Ao longo da próxima semana desenvolverase un amplo calendario de actividades como a Mostra Internacional de Cinema LGBTIQA+ de Pontevedra, charlas, unha homenaxe á mestra María del Carmen del Valle e unha gran festa final o sábado 29 de xuño no parque das Palmeiras.