Unha gran faixa na que se pode ler + Feminismo franqueado polo lema da campaña municipal do 8 de Marzo, O feminismo mellora o mundo. Tamén para ti, loce desde este xoves na fachada da Casa Consistorial de Pontevedra. A súa instalación deu paso á lectura pública no vestíbulo do Manifesto do Día Internacional da Muller, elaborado por alumnado do Consello da Muller Nova do IES Sánchez Cantón e lido por tres alumnas: Cristina Martínez Lariño, Tala Froiz Martínez e Manuela González Martínez. Neste acto estiveron arroupadas por edís dos tres grupos políticos con representación municipal (BNG, PSOE e PP), co alcalde Miguel Fernández Lores e a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, ao fronte.

O manifesto comezou cunha clara e poderosa declaración baseada no dicionario da Real Academia Galega: “Feminismo: substantivo masculino. Doutrina que defende a igualdade de dereitos entre o home e a muller. Que é o que non se entende?” Estas palabras abriron un discurso cheo de agradecemento polos avances acadados na loita pola igualdade, froito do esforzo de múltiples xeracións, segundo explicaron as alumnas.
En nome da mocidade, as alumnas agradeceron “os avances de quen se esforza por cambiar o comportamento machista ou ataque a calquera forma de igualdade, respecto e liberdade“. Pero tamén o esforzo de “miles de persoas que ao longo da historia se implicaron na loita e mesmo lograron mudar as leis” e dirixindo a mirada ao mediático caso Rubiales, subliñaron que “agora quen nos bica sen permiso pasa directamente á bancada en lugar de ser vitoreado”.



Son moitos os retos que enfrontan as mozas e mulleres no día a día, e para acadar a igualdade piden “respecto e madurez” a todos e todas, no mundo real e no virtual. E engadiron que “a verdade é que o machismo é a actitude de preponderancia dos varóns respecto de nós e o feminismo é a doutrina que defende a igualdade de dereitos entre home e muller”.
As estudantes resaltaron o perigo de influencias nocivas nas redes sociais que afectan principalmente á mocidade, instando á reflexión crítica fronte ás opinións alleas. Ademais, reivindicaron o papel esencial dos homes responsables que apoian a igualdade real na sociedade e chamaron á colaboración colectiva para construír un futuro mellor.
“Sempre hai algún cavernícola que quedou atrás. Por iso, é necesario estar alerta ao contido das redes, e traballar para que as persoas volvan ter voz propia e non estean a copiar o que di a xente famosa”, apuntaron.
Nun símil futbolístico, comparouse o feminismo cunha “defensa sólida” fronte a un machismo que actúa como un atacante en fóra de xogo. Subliñaron que, malia o marcador aínda reflectir vantaxe para o machismo, “queda moito partido por xogar”, e animaron a formar unha barreira colectiva que impida goles en contra da igualdade.
O acto concluíu cunha mensaxe en clave positiva e de agradecemento a todas as persoas que día a día contribúen á loita feminista, recoñecendo que aínda que o camiño cara a un futuro igualitario é longo, cada esforzo achega máis a sociedade cara esa meta.
“Grazas pola loita constante, polos esforzos, polo cambio e pola colaboración”, afirmaron as alumnas, dando voz a un movemento que segue máis vivo que nunca: “Aínda estamos lonxe de crear un mundo utópico para o feminismo, pero grazas ás moitas persoas que colaborades co voso esforzo, estamos moito máis cerca de conseguilo”.



