A karateca Ruth Lorenzo, as parlamentarias Raquel Arias (PP), Paloma Castro (PSOE) e Olalla Rodil (BNG) e as Tanxugueiras serán as protagonistas das palestras
Os faladoiros terán lugar na sala multiusos do Teatro Principal, os días 26 de marzo e 1 e 8 de abril, ás 19.00 horas, con acceso libre ata completar aforo
O feminismo mellora o mundo. Tamén para ti é o lema e principio que guía toda a programación municipal vencellada ao 8M, que enfronta a recta final coa celebración dos Faladoiros Feministas e a derradeira representación da obra de teatro Invisibles, actividades presentadas hoxe pola concelleira de Igualdade, Anabel Gulías.

“Para nós o feminismo transcende a data fixa do 8 de Marzo, unha xornada reivindicativa, para pór o foco na realidade das mulleres e de mobilización” subliñou Gulías Torreiro, quen tamén citou o amplo abano de actividades dirixidas á mocidade, promovidas polo seu departamento ao longo do primeiro semestre do ano.
Os Faladoiros Feministas, sinalou a concelleira Anabel Gulías, abordarán a consecución do principio de igualdade no mundo do Deporte, a Política e a Cultura e o impulso e cambios que o feminismo conseguiu nestes eidos.

Todas as charlas-debates desenvolveranse na sala multiusos do Teatro Principal, ás 19.00 horas. O acceso é libre ata completar aforo. Son as seguintes:
1.- Feminismo e Deporte. Mércores 26 de marzo coa karateca Ruth Lorenzo Couso (IG ruth.lcouso). Na actualidade, número 1 do Ránking Nacional Absoluto da Real Federación Española de Kárate en kumite senior fem. -55 kg e Número 51 no Ránking Internacional da Word Karate Federation en kumite senior -55kg- . Modera a xornalista Lara Saéz.
“Paga pena escoitar a Ruth, unha muller que loita non só no tatami, senón tamén na sociedade” dixo a concelleira de Igualdade, certa de que as reflexións da karateca sobre a perspectiva de xénero, os estereotipos no mundo do deporte, a forza das mulleres neste eido ou os atrancos que atopan serán de gran interese.
2.- Feminismo e Política. Martes 1 de abril, coas parlamentarias autonómicas Paloma Castro (PSOE), Olalla Rodil (BNG) e Raquel Arias (PP). Modera a xornalista María Varela.
Gulías recoñeceu que esta palestra gústalle especialmente. “O feminismo na política é un melón que hai que abrir, xa que as políticas atopamos barreiras fóra, pero tamén dentro”, indicou.
3.- Feminismo e Cultura. Martes, 8 de abril coas Tanxugueiras, o trío de pandereteiras formado por Aida Tarrío e as irmás Sabela e Olaia Maneiro. Modera a xornalista Chus Gómez.
“Elas abriron fronteiras na lingua e amosaron que non hai fronteiras e o valor do patrimonio inmaterial gardado polas mulleres” destacou a concelleira de Igualdade.


