O Concello re-edita o programa de educación en igualdade e prevención da violencia machista que chegará a ESO, Bacharelato e FP, e inclúe por primeira vez sesións específicas para profesorado e familias
Neste mes de abril entra en funcionamento un programa de obradoiros de igualdade, educación sexo-afectiva e prevención da violencia machista nos centros educativos da cidade dentro dunha proposta do Concello de Pontevedra.
A iniciativa, supervisada polo Centro de Información á Muller (CIM) e dirixida polas expertas en xénero Priscila Retamozo e Cristina Louzán, busca combater os estereotipos de xénero e abordar a problemática do consumo precoz de pornografía.
O programa, que se desenvolverá ata o 20 de xuño, ofrece catro obradoiros específicos para ESO e tres para Bacharelato e FP.

Para o alumnado de ESO, as opcións inclúen “Gamers e influencers”, centrado en cuestionar roles de xénero nas redes sociais; “Hackeando o machismo”, sobre a detección do sexismo en internet; e dous obradoiros de educación sexo-afectiva: “O buzón vermello” e “Falemos de sexo (sen tabús)”.
Para Bacharelato e FP deséñanse tres propostas diferentes: “Error 404/Igualdade not found”, que analiza a construción dos mandatos de xénero; “Outra charla de Igualdade?”, que busca desmontar mitos sobre machismo e feminismo; e “Trivial, Canto sabes de educación sexual?”, un obradoiro-xogo para reflexionar sobre sexualidade e diversidade.
A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, destaca a importancia desta iniciativa, que conta co apoio do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, nun contexto onde os estudos sinalan que a idade media do primeiro contacto coa pornografía sitúase nos 9 anos, chegando ao 75% de consumo aos 16 anos.
Como novidade, o programa amplíase este ano, por primeira vez, con sesións específicas para profesorado e familias, buscando unha intervención integral na comunidade educativa.



