Aínda que a programación deseñada polo goberno municipal de Pontevedra para celebrar o Día do Orgullo LGBTIQA+ xa comezou a semana pasada, o que foi bautizado como ‘Orgullo PTV+’, comezou oficialmente este luns coa estrea da intervención artística no balcón da casa consistorial, que durante toda a semana lucirá unha pancarta coas cores da bandeira arco da vella.

Foi tras un izado presidido polo alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, no que participaron edís do tres partidos -PP, BNG e PSdeG-PSOE- e representantes dalgúns dos colectivos que colaboran con esta esta programación.

Pontevedra presume de ser “orgullosamente diversa” e, desde o pasado martes, fala a diario de cuestións relacionadas coa diversidade, reafirmando á Boa Vila como un espazo “seguro, amable e respectuoso” para toda a cidadanía.
Tamén este luns 23 de xuño comezou unha nova edición de Ambienta, a Mostra Internacional de cinema LGBTIQA+ de Pontevedra, que arrancou coa proxección da webserie galega Delirio Sketchs.