IGUALDADE CONVOCA A V EDICIÓN DO PREMIO LITERARIO PINTO E MARAGOTA

A Concellería de Igualdade, en colaboración con Edicións Xerais de Galicia, vén de convocar a V edición do Premio Literario Pinto e Maragota, que ten como finalidade visibilizar e dignificar a diversidade sexual e de xénero. As obras presentadas deberán ter presente no seu argumento, como temática principal ou transversal, a diversidade sexual e de xénero (orientación sexual e/ou identidade de xénero), establecéndose un único premio de 3.000 euros, suxeito ás retencións legalmente establecidas, que fará efectivo o Concello de Pontevedra.

Así, poderán presentarse, ata o 25 de xullo, textos con esta temática, de narrativa, teatro ou poesía. Nos dous primeiros casos e se están dirixidos a público adulto, terán un mínimo de 90.000 caracteres e en poesía 500 versos; se están dirixidos a público infantil non se limita extensión.

Os traballos, en formato PDF, remitiranse ao mail igualdade@pontevedra.eu co asunto ‘Para o V Premio Literario PINTO E MARAGOTA’. Poderá concorrer calquera autora ou autor, de calquera nacionalidade, maior de idade, que presente unha obra escrita en lingua galega conforme á normativa oficial establecida pola Real Academia Galega.

Nas anteriores edicións, resultaron gañadoras as novelas “Cobiza” da recoñecida escritora María Reimóndez ,“Estranxeiras” da realizadora audiovisual Carmen P.G. Granxeiro, o poemario “Todo o que doe”, de Carmen Caramés Gorgal e, na máis recente convocatoria a novela “Askja” do escritor coruñés Antonio Manuel Fraga, obra que se acaba de publicar recentemente e que presentará, nun vermú literario na Festa dos Libros que se celebrará a semana próxima na Ferraría.

A convocatoria deste premio, senlleiro no país e referente a nivel estatal, coincide coa celebración das actividades de Orgullo PTV e da Mostra Internacional de Cine LGBTIQA+ Ambienta, nun apoio manifesto por parte do concello de apoiar e visibilizar a diversidade no mes do Orgullo e no conxunto do ano.

As persoas interesadas en participar poden consultar os detalles nesta ligazón ou descargar as Bases no seguinte cadro: