A concelleira de Igualdade, Anabel Gulías, desvelou hoxe o fallo do xurado do V Premio literario Pinto e Maragota que concede o Concello de Pontevedra, en colaboración con Edicións Xerais de Galicia, e fíxoo acompañada polo gañador do certame, Miguel Calvo Marques, e o director da editorial, Fran Alonso.

O xurado reuniuse o pasado 14 de outubro, após de valorar as 38 obras presentadas, elixiu por unanimidade a novela As Esquinas de Miguel Calvo como gañadora. É a primeira novela do autor, que é orientador educativo e membro da xunta coordinadora da Rede educativa de apoio LGTBIQ+ de Galicia.
Anabel Gulías subliñou a importancia “dun premio único, que visibiliza a diversidade e nos permite falar, por exemplo, da homofobia presente arredor de todas e todos nós ou darlle voz á comunidade LGTBIQ+” e agradeceu a Xerais o seu compromiso. A concelleira deu os parabéns ao gañador do certame, de quen destacou o traballo que fai coa mocidade, que lle permite pulsar as opinións, inquedanzas e retos respecto, entre outros temas, á diversidade sexual e de xénero.
Pola súa banda, Fran Alonso cualificou de “fundamental” un premio como o Pinto e Maragota “que axuda a visibilizar a diversidade, nun momento no que os dereitos están en regresión”,
Nas anteriores edicións, resultaron gañadoras as novelas Cobiza da escritora María Reimóndez e Estranxeiras da realizadora audiovisual Carmen P.G. Granxeiro, o poemario Todo o que doe de Carmen Caramés Gorgal e o pasado ano a novela Askja de Manuel Antonio Fraga Allegue.
Este premio literario nace ao acubillo do Programa municipal pola diversidade sexual e de xénero, Pinto e Maragota, unha iniciativa senlleira, única en Galicia en ofrecer actividades durante todo o ano arredor da diversidade. Está dotado con 3.000 euros e a publicación da obra por Edicións Xerais. A gañadora do V Premio literario Pinto e Maragota, As Esquinas, será publicada na Colección Narrativa de Xerais no vindeiro mes de maio.

VALORACIÓN DO XURADO
O xurado, reunido o pasado 14 de outubro, elixiu por unanimidade a novela As esquinas de Miguel Calvo. Ademais de valorar a calidade literaria e riqueza lingüística da obra, o xurado destacou o carácter poliédrico da novela, na que numerosos personaxes, animais e obxectos se unen para contar unha historia chocante.

As esquinas fala da violencia dunha vítima da violencia machista na nenez, mais tamén de saúde mental, autolesións, a necesidade de atopar vías de escape á dor. E introduce, dun xeito, testemuñal, a vergoña e a marxinación do protagonista dentro da familia polo feito de ser homosexual.
Ademais de elixir la obra gañadora, o xurado destaca tamén a calidade das obras presentadas cos títulos Biólologo de bechos e Monas, baleas e minchas e recomenda á editora que valore a súa publicación.
O xurado do V Premio literario Pinto e Maragota estivo integrado por: Alberto Pereira Suárez, docente do CEIP Campolongo; Beatriz Otero Solla, membro de Avante LGTB Pontevedra e Sara Vilas Alonso, escritora e responsable de Comunicación de Xerais. Actuou como secretaria Mercedes Renda Melón, técnica de Igualdade do CIM do Concello de Pontevedra.



