E se deixamos de contar vítimas e contamos maltratadores?, proposta da campaña do Concello de Pontevedra polo 25 de novembro

E se deixamos de contar vítimas e contamos maltratadores? é a pregunta e reflexión que pon enriba da mesa a campaña polo Día internacional contra as violencias machistas do Concello de Pontevedra, que presentou hoxe a concelleira de Igualdade, Anabel Gulías.

E botamos a conta: 12.976 homes condenados por violencia de xénero con sentenza firme en Galicia en dez anos (entre o 2015 e o 2024). Son datos oficiais do Observatorio contra a violencia doméstica e de xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial.

E a campaña convídanos a reflexionar: Visto así, de quen pensas que é o problema?


A difusión da campaña gráfica realizarase a través do reparto de cartelería e voandeiras, así como cuñas en radio, prensa e redes sociais.

PROGRAMA DE ACTIVIDADES

Xoves 30/10 ás 13.00 h ACTO na BALCONADA da CASA CONSISTORIAL. Descuberta da instalación artística conmemorativa do 25 de novembro, Día Internacional contra as Violencias Machistas.

FALADOIROS FEMINISTAS conducidos por xornalistas de Pontevedra. Quedarán gravados en vídeo para posterior difusión na web. Todos con entrada libre ata completar aforo.

  • Faladoiro 1, con Ana Marcos e Iria Pinheiro sobre o acoso e abusos sexuais no audiovisual. Mércores, 5 de novembro no vestíbulo da Casa da Luz ás 19.30 h.
  • Faladoiro 2, con Macarena Baena Garrido sobre violencias machistas e medios de comunicación. Mércores, 12 de novembro no vestíbulo da Casa da Luz ás 19.30 h.
  • Faladoiro 3, con Mabel Lozano sobre explotación sexual. Inclúe a proxección do documental AVA. Luns, 17 de novembro no Teatro Principal ás 19.30 h.
  • Faladoiro 4, con Claudia Morán Mato (Xornalistas Galegas) sobre violencias machistas nos medios de comunicación galegos. Xoves, 20 de novembro no vestíbulo da Casa da Luz ás 19.30 h.

CICLO PIONEIRAS: películas e coloquios con mulleres chave na cinematografía española como recoñecemento a directoras, guionistas e produtoras que abriron camiño e que son un referente para as que chegaron despois, no marco dos Premios Feroz. No Teatro Principal ás 18.00 horas.

  • Proxección da película Brumal (1988) e coloquio coa directora e guionista do filme, Cristina Andreu. Sábado 1 de novembro.
  • Proxección da película Vámonos, Bárbara (Cecilia Bartolomé, 1978) e coloquio coa produtora e fundadora da Academia de Cine, Sol Carnicero. Mércores 5 de novembro.
  • Proxección do documental Función de noche (Josefina Molina, 1981) e conversa coa xornalista Concha Barral sobre as grandes divas do celuloide e das táboas no noso país. Xoves 20 de novembro.
  • Proxección da película El crimen de Cuenca (Pilar Miró, 1979) e coloquio coa guionista do filme, Lola Salvador Maldonado. Luns 24 de novembro.

CURSO DE DEFENSA PERSOAL E EMPODERAMENTO. Método SAKURA (Sensei Jatsume). Este tipo de curso de autodefensa tamén traballa o empoderamento físico e emocional. O taller está creado para proporcionar ferramentas útiles e sinxelas para o día a día co obxectivo de desenvolver e recuperar a autoconfianza, o autocuidado e a forza emocional e física necesarias para poder xerar acción en calquera situación cotiá, e mesmo poñerse a salvo de ser preciso. Impartirase en tres sesións de 3 horas de duración cada unha, a realizar os sábados 8, 15 e 22 de novembro en horario de mañá, na Casazul. Require inscrición previa.

Luns 17 de novembro, 11.00 h. ao inicio do Pleno Municipal. LECTURA DE MANIFESTO CO GALLO DO DÍA INTERNACIONAL CONTRA AS VIOLENCIAS MACHISTAS que nesta ocasión corre a cargo da Quenda de Oficio de Violencia de Xénero do Ilustre Colexio da Avogacía de Pontevedra (farase difusión do vídeo da gravación a través da páxina web e redes do Concello)

Sábado 29 de novembro, Xornada de investigación e diversidade PONTEVEDRA MULTICULTURAL, Ciencia pola igualdade no Centro Sociocultural O Gorgullón ás 10.00 h. Serán 3 relatorios sobrenesgos de xénero e “raza” na ciencia, a computación e a Intelixencia Artificial, o impacto das migracións climáticas nos discursos racistas e os últimos estudos sobre xenética de poboacións en biomedicina.

Ademais, o pasado 4 de outubro empezou o Obradoiro ENREDADAS de autocoidado e acompañamento emocional para mulleres en situación de vulnerabilidade. Realízase no 1º andar do CIM os martes e xoves en horario de 10 a 12 ata finais de novembro. Este programa está deseñado como un espazo de coidados e crecemento persoal e colectivo, dirixido principalmente a usuarias do CIM, co obxectivo de fortalecer a súa autonomía, autoestima e saúde integral. Creamos un entorno seguro, da man dunha psicóloga e varias educadoras, para tecer unha rede de apoio mutuo sólida empregando como ferramentas a escoita activa e a expresión creativa e corporal como o movemento, o teatro, o xogo, a danza e a comunicación.